ALMORZO INFORMATIVO DO BNG COS MEDIOS LOCAIS

Ana Pontón avanza as prioridades do grupo parlamentar en relación á cidade para esta nova lexislatura

"Somos a segunda forza deste país e queremos agradecer o contributo de miles de coruñesas e coruñeses que nos votaron o 12 de xullo. Esta cidade vai ter, ademais, unha voz propia no Parlamento galego, a de Mercedes Queixas", resaltou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante o almorzo informativo que ofreceu aos medios locais para dar conta daqueles aspectos prioritarios en relación á cidade e á comarca en que o grupo parlamentar nacionalista vai centrar o seu traballo na nova lexislatura.
Ana Pontón avanza as prioridades do grupo parlamentar en relación á cidade para esta nova lexislatura

Reforzar os servizos públicos (singularmente a sanidade e a educación, competencias exclusivas da Xunta) para lidar cos terríbeis efectos sanitarios e económicos da Covid-19, modernizar as infraestruturas, redimensionar o porto para continuar a ser motor económico (ao tempo que se acomete de vez o deseño da fachada marítima da cidade), aumentar a presión política para Xunta e Estado deixárense de escusas e se publique por fin no BOE a licitación da dragaxe do Río do Burgo, recuperar para a Administración galega o rol de promotor de vivenda pública na Coruña (as últimas moradas de protección oficial autonómica fixéronse na nosa cidade durante o bipartito!!)... Estas son as cuestións básicas sobre as que vai gravitar o traballo do grupo parlamentar do BNG en relación á Coruña e á súa bisbarra, avanzou Ana Pontón no encontro cos medios, que tivo lugar no Salón Enseada do Hotel Riazor.

O almorzo abriuno, cunha breve intervención, o noso portavoz en María Pita, Francisco Jorquera. "Encaramos a nova lexislatura con responsabilidade, mais tamén cheos de ilusión polo grande salto que demos o 12 de xullo", comezou por dicir. Ese 12X o BNG recibiu unha encomenda por parte do pobo galego: a de "liderar a oposición" e a de "formular propostas como a auténtica alternativa de goberno que somos".

"A Coruña e a comarca estiveron claramente discriminadas nos orzamentos da Xunta durante os últimos anos", dixo por súa parte Mercedes Queixas, a representante local no grupo parlamentar do BNG, quen censurou que o investimento per cápita do Goberno Galego na Coruña estea claramente por debaixo da media galega.

Ana Pontón dedicou unhas palabras de agradecemento aos miles de coruñesas e coruñeses que o pasado 12 de xullo depositaron nas urnas a papeleta do BNG. O Bloque vai responder á confianza prestada nel con compromiso e traballo duro, dixo. Compromiso e traballo duro que no caso da nosa cidade personíficanse en Mercedes Queixas. "É unha sorte enorme contar con ela", dixo.

A seguir, Pontón puxo no primeiro chanzo das prioridades do grupo parlamentar do BNG o reforzamento dos servizos públicos, nomeadamente a sanidade perante unha crise sanitaria da envergadura da actual. "É básico que se reforce a atención primaria. É tremendo que se fagan analíticas na rúa. Xa non só estamos na telemedicina, senón na cochemedicina", ironizou.

Ana

 

Servizos públicos son tamén as residencias de maiores e, nese sentido, lembrou Pontón que no seu día Feijóo anunciara a construción dunha pública para a cidade da Coruña. Non a fixo e quen se ocupou de encher o baleiro foi "o capital privado", criticou a portavoz nacional.

"Desde o princicipio propuxémoslle ao Goberno Galego que se dotase un fondo extraordinario para financiar os programas públicos sobre a Covid-19: aumento do cadro de persoal docente, acondicionamento dos comedores escolares, desinfección dos centros. Non se nos fixo caso", deplorou. No canto de facer iso, a Xunta limitouse a sementar o caos. "Hai centros que fixeron obras porque así llelas exixían os primeiros protocolos. Logo mudaron os protocolos e as obras ficaron aí. A improvisacion da Xunta é total e absoluta", engadiu.

As materias pendentes da Xunta coa cidade son incontábeis e entre elas destacou a política de vivenda pública e a dragaxe da Ría do Burgo. Que se deixen de tirar os trastos á cabeza Xunta e Estado. Que se deixen de escusas e que "se publique de vez no BOE a licitación das obras", urxiu.

REUNIÓN COAS ANPAS

Ao termo do almorzo informativo, e na mesma estancia do Hotel Riazor, Pontón mantivo un encontro con ANPAS da cidade, ao que se sumou a concelleira Avia Veira, responsábel de Educación no noso grupo municipal. 

Reunion coas ANPAS de Ana Pontón, Mercedes Queixas, Francisco Jorquera e Avia Veira.

O comezo do curso, marcado pola xestión errática dunha Xunta incapaz de fornecer aos centros públicos os recursos humanos e materiais suficientes para se enfrontaren á Covid-19, foi o asunto central da reunión. Estiveron presentes representantes das ANPAS Monte do Muíño (Novo Mesoiro), Concepción Arenal, Xosé Cornide, A Xanela de María Pita e Salgado Torres.

 

 

Ana Pontón avanza as prioridades do grupo parlamentar en relación á cidade para esta nova lexislatura