PLENO EXTRAORDINARIO EN MARÍA PITA

Abstémonos ante a maioría das ordenanzas fiscais pola falta de planificacion e a ausencia de diálogo coa oposición

O Goberno Local xestionou con “improvisación”, “falta de planificación” ,“atropelamento” e "ausencia de diálogo coa oposición" a tramitación das mudanzas nas ordenanzas fiscais, até o punto de os grupos municipais da oposición non teren acceso “a toda a documentación destes expedientes até onte a primeira hora da mañá”.
Abstémonos ante a maioría das ordenanzas fiscais pola falta de planificacion e a ausencia de diálogo coa oposición

Esta é a razón aducida polo portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, para explicar por que a formación nacionalista se abstivo este xoves, no Pleno Extraordinario para a modificación das ordenanzas fiscais, na maioría dos puntos sometidos a votación.

“Non parece que este sexa o mellor xeito de propiciar a participación dos grupos municipais e o diálogo con eles para intentar consensuar as propostas. Por esa razón, e dado que estamos ante o trámite da aprobación inicial, anuncio que o BNG non vai votar a favor da maioría das ordenanzas fiscais”, dixo Jorquera durante a súa intervención perante o Pleno.

En realidade, o BNG concorda en liñas xerais coas mudanzas que se introducen neste paquete de medidas fiscais, mais opta pola abstención para deixar clara a súa oposición á forma de proceder do Goberno Local.

Unha forma de proceder atropelada que, por exemplo, pon en risco que as mudanzas das ordenanzas podan aprobarse definitivamente e entraren en vigor o 1 de xaneiro, como é legalmente preceptivo.

“Hai cousas que se poden pospor, mais os orzamentos e as ordenanzas fiscais, para que entren en vigor o 1 de xaneiro, hainos que comezar a preparar con moita antelación”, subliñou Jorquera.

Francisco Jorquera no Pleno Extraordinario. Ordenanzas fiscais.

A falta de planificación do Goberno Local exemplificouse na convocatoria con apenas 15 minutos de antelación da Xunta de Goberno Extraordinaria para a seguir convocar, con menos de 24 horas de intervalo en cada caso, primeiro Comisión de Facenda e logo Pleno Extraordinario, “sen que ademais algún grupo estivese tan sequera advertido destas previsións”.

Porén, a pesar de se abster na grande maioría das ordenanzas, o BNG si votou favorabelmente dúas mudanzas, as relativas ao incremento nun 100% das taxas que gravan a apertura dos salóns de xogo, casinos e bingos e a que ten a ver coa exención do imposto ás terrazas dos establecementos hosteleiros durante 2021.

Sobre o incremento do gravame municipal ao xogo, salientou Jorquera que esta medida figuraba no programa co que a formación nacionalista concorreu ás eleccións de maio de 2019 e que, alén diso, tamén aparecía nunha moción do Bloque aprobada en Pleno durante este mandato.

DEBATER A CEGAS

No comezo da súa intervención, Jorquera lamentou que a Corporación se vise obrigada “a debater a cegas” a modificación das ordenanzas. Referíase a que non é posíbel coñecer a repercusión do impacto que van ter nas finanzas municipais porque o Concello carece dunha previsión de gastos e ingresos en 2021 dada a decisión do Goberno Local, que o BNG non comparte, de prorrogar os orzamentos de 2020.

Debater a cegas tamén porque, salientou, a oposición non ten os datos actualizados da execución orzamentaria. E nese sentido destacou: “É lamentábel que se teña que declarar unha guerra no PSOE local para que teñamos que coñecer pola prensa que nunha área tan sensíbel como emprego e promoción económica, e máis coa que está caíndo, o grao de execución sexa de pouco máis do 15%”.

Ese debater a cegas tamén ten a ver, interpreta Jorquera, co agravamento da crise de goberno en María Pita, posta dramaticamente de relevo esta semana co cesamento da concelleira de Emprego e Promoción Económica, Eva Martínez Acón. “Para non debater a cegas tamén é desexábel facer as cousas en tempo e forma e non de xeito atropelado. Quizá no último episodio do culebrón sudamericano no que se está convertendo este Concello teñamos a explicación deste proceder. Con tantas entradas e saídas, esta Corporación vai camiño de se converter nunha réplica do camarote dos irmáns Marx”, ironizou.

“É lamentábel que se teña que declarar unha guerra no PSOE local para que teñamos que coñecer pola prensa que nunha área tan sensíbel como emprego e promoción económica, e máis coa que está caíndo, o grao de execución sexa de pouco máis do 15%"

“Mais”, esclareceu, “non quero facer brincadeira dun asunto moi serio. Con tanta xente sofrindo é bochornoso que vostedes se tiren os trastos á cabeza con acusacións de non quereren pagar as cotas ao partido ou de que unha concelleira que cobra perto de 60.000 euros incorre en absentismo e deixación de funcións”.

E nese mesmo sentido lamentou Jorquera que o Goberno Local perda enerxías en leas internas no canto de dirixir todos os seus esforzos “a facer fronte á crise que estamos a vivir”.

   

Abstémonos ante a maioría das ordenanzas fiscais pola falta de planificacion e a ausencia de diálogo coa oposición