Veira: "O Goberno municipal non conta en absoluto coa mocidade da Coruña"

Veira: "O Goberno municipal non conta en absoluto coa mocidade da Coruña"

A Coruña, 22 de febreiro de 2013.- A concelleira do BNG, Avia Veira, valorou esta mañá en rolda de prensa a presentación da cidade da Coruña como Capital Europea da Xuventude, un título nominativo, con vixencia de un ano, que se lle concede ás cidades que se distinguen por dar prioridade á participación e empoderamento xuvenil. "Trátase dunha oportunidade para que a cidade amose o seu traballo cos mozos e as mozas, visibilizar os proxectos mozos e mozas, para amosar iniciativas innovadoras sobre temas que lles incumben aos mozos e mozas, así como unha excelente oportunidade para visibilizar a cidade como destino turístico", sinalou Veira.

A edila do BNG explicou que para solicitar a candidatura é indispensábel achegar unha declaración de apoio dunha ou máis estruturas independentes xuvenís e locais, fundamentalmente locais. E isto, porque para o Foro Europeo da Xuventude é de suma importancia que a mocidade participe ao longo de todo o proceso que inclúe o deseño, preparación, execución e avaliación. "A responsabilidade da mocidade na presentación da candidatura é parte absolutamente esencial", advertiu. Porén, o Goberno municipal, tal e como denunciou Veira, non fixo tal.

"Curiosamente, a entidade na que se apoia a solicitude de candidatura é Fexuga, unha Federación Xuvenil Galega que, segundo a súa páxina web, non ten integrada ningunha das entidades xuvenís que hai na cidade, nin sequera integra entidades da comarca", criticou. "É incríbel que habendo entidades xuvenís locais, o Goberno municipal non as teña, en absoluto, en conta", salientou. "Precisamente, para aspirar a ser Capital Europea da Xuventude é fundamental a participación xuvenil e o Goberno do Sr. Negreira non predica co exemplo", engadiu.

O concelleiro presentou a candidatura o día en que vencía o prazo para facelo, e isto malia que a proposta ten que facerse pública con suficiente antelación como para escoitar a mocidade

Ademais, a concelleira do BNG denunciou a "actitude chapuceira" do Goberno municipal á hora de presentar a cidade a este título. E é que a fixo pública a presentación o día 20, o mesmo día que remataba o prazo para aspirar a ser Capital Europea da Xuventude. "O Goberno municipal deu a coñecer a candidatura a última hora, demostrando que só fai improvisar", advertiu Veira.

A edila nacionalista pon de manifesto que a proposta debería facerse pública con suficiente antelación como para darlla a coñecer a toda a cidadanía, para escoitar a mocidade, para permitir achegas, modificacións e ideas, etc. "O Goberno municipal non sequera visitou a actual capital europea da xuventude (2012 Braga e 2013 Maribor) para intercambiar boas prácticas e recibir apoio a escala internacional", engadiu.

Por último, Veira sinalou que a xestión da presentación da cidade como Capital Europea da Xuventude ilustra o pasotismo do Goberno do Sr. Negreira en materia de mocidade: "non deixa participar nin consulta os mozos e as mozas, nin sequera reúne o Consello da Mocidade e, cada ano, reduce máis os orzamentos municipais destinados á xuventude". "Isto é todo o que ten que o ofrecerlle o Sr. Negreira á mocidade: fume", concluíu.