Jorquera ve escusas de mal pagador nos reparos do Estado á hora de financiar o enlace ferroviario á dársena exterior

Jorquera no porto.
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, considera “escusas de mal pagador” que o Goberno do Estado ligue agora a construción do enlace ferroviario a Punta Langosteira a un novo estudo de rendibilidade por considerar que neste momento podería non ser rendíbel a consecuencia do peche da central de Meirama.
Jorquera ve escusas de mal pagador nos reparos do Estado á hora de financiar o enlace ferroviario á dársena exterior

“Son escusas de mal pagador que agochan a falta de compromiso real do Goberno do Estado coa realización dunha obra que é esencial para garantir a viabilidade do porto exterior”, afirma Jorquera.

 “É inaudito que despois dun investimento de máis de 700 millóns de euros para a construción do Porto Exterior se pretenda agora deixalo sen enlace ferroviario. Iso si que significaría non rendibilizar o investimento. Non hai porto que poida desenvolver todo o seu potencial sen enlace ferroviario” engade Jorquera.

“As infraestruturas non só se deseñan para atender demandas preexistentes, teñen tamén un impacto na xeración de novas demandas. É unha infraestrutura necesaria para captar novos tráficos e asegurar o desenvolvemento do porto exterior”, acrecenta.

Ademais, “apelar á perda do tráfico de carbón con Meirama é tanto como admitir que o peche de Meirama non vai acompañado de planos de reindustrialización alternativos verdadeiramente críbeis”, critica.

Jorquera pídelle ao Goberno do Estado unha “rectificación en toda regra” e que asuma as súas responsabilidades. “Estamos a falar dunha obra, a do porto exterior, de titularidade estatal”, remarca.

Apelar á perda do tráfico de carbón con Meirama é tanto como admitir que o peche de Meirama non vai acompañado de planos de reindustrialización alternativos verdadeiramente críbeis

O voceiro nacionalista ve tamén nos reparos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana unha estratexia dilatoria que pode retrotraer o acceso ferroviario ao punto 0, “tendo en conta ademais que o estudo de impacto ambiental do enlace ferroviario conclúe en 2021 e que, por tanto, se as obras non comezan antes se tería que volver facer esa avaliación, co que iso implicaría de demora de anos para o proxecto”.

O enlace é esencial para comunicar o porto exterior primeiro coa rede convencional e, en particular, co corredor atlántico e a rede transeuropea de transporte de mercadorías . “Temos que facer presión política para que o Estado asuma que na Península o Atlántico tamén existe. Este Goberno só olla para o Mediterráneo”. Nesa reticencia a colocar Galiza no mapa ferroviario europeu non só está o Goberno do Estado de PSOE/Podemos, senón tamén o propio PP e nese sentido lembra Jorquera que recentemente o seu máximo dirixente, Pablo Casado, se referiu á necesidade de potenciar os corredores central e mediterráneo, ignorando totalmente o atlántico, isto é, a conexión da Galiza con Europa.

 

 

Jorquera ve escusas de mal pagador nos reparos do Estado á hora de financiar o enlace ferroviario á dársena exterior