A Xunta quere desentenderse das obras de urbanización do Ofimático

A Xunta quere desentenderse das obras de urbanización do Ofimático

A Coruña, 15 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que a Xunta se queira desentender das obras de urbanización do Ofimático, tras o anuncio de concurso para a venda da parcela Z-14, uso terciario (14.520 m2 de superficie e cunha edificabilidade de 27.815m2), no Ofimático, publicado no día de hoxe no DOG, así como dos pregos de dito concurso publicados na web www.xesturcoruna.com.

O prego de bases do concurso recoñece, abertamente, na páx. 2 e 3, que non está garantida a execución das obras de urbanización da totalidade do polígono, tal e como leva advertindo o BNG e que reiterou por última vez no pasado pleno de 8 de abril.

“Curiosamente -salientan as nacionalistas- isto demostra que queren urbanizar o polígono por partes, tal e como veñen de pedir os promotores a pasada semana, e que vai en contra do propio proxecto de urbanización do polígono do Ofimático”. “Vaia coicidencia!”, ironiza o Grupo municipal do BNG.

As nacionalistas denuncian que a Xunta de Galiza se desentenda das obras de urbanización da totalidade do polígono, querendo vender esta parcela por 10 millóns de euros máis IVE, cando como di o prego do concurso aínda non pagou as cotas de urbanización.

O Grupo municipal do BNG sinala que malia que o prego de bases do concurso para a venda recoñece que non están garantidas as obras de urbanización na súa totalidade, non se di, en troques, a razón. Así lembran, as nacionalistas, que as causas de que non estean garantidas as obras de urbanización son por falta de financiamento, debido ao impago de cotas da propia Xunta e dos propios promotores, contra os que o Goberno municipal do Sr. Negreira aínda non procedeu pola vía de apremio, a diferenza das persoas desaloxadas. As nacionalistas lembran que a execución das obras lle corresponde ao Concello da Coruña, dado que o sistema de actuación é de cooperación (neste sistema os propietarios achegan o solo de cesión obrigatoria e a administración executa as obras de urbanización con cargo a eles) e isto implica que o Concello é quen está obrigado a executar a totalidade da obra urbanizadora, nos prazos e condicións que fixa o planeamento e o contrato. A Xunta e os promotores teñen o deber de pagar as cotas de urbanización. E isto é o esencial, porque sen o pago das cotas non hai financiamento e sen financiamento non se pode executar a urbanización do Ofimático.

 

A Xunta quere desentenderse das obras de urbanización do Ofimático