Vitoria Louro, en nome do BNG, súmase á folga de fame de Velaluz durante a fin de semana

Vitoria Louro, en nome do BNG, súmase á folga de fame de Velaluz durante a fin de semana

aCTOA Coruña, 18 de outubro de 2013.- O BNG da Comarca da Coruña realizou esta mañá ao pé da Audiencia Provincial un acto simbólico en apoio das mulleres de Velaluz en folga de fame baixo o lema “O seu delito é ser muller”. Amais das activistas contra a violencia de xénero que se atopan desde hai 4 días en folga de fame, participaron no acto a responsábel comarcal de Acción Feminista do BNG, Vitoria Louro, o responsábel comarcal, Paulo Carballada, o portavoz do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril, portavoces e concelleiras da comarca e militantes nacionalistas. Sumouse tamén á protesta a secretaria de Implantación e Estratexia Municipal do BNG, Goretti Sanmartín.

En declaracións aos medios, Vitoria Louro, que anunciou que, en representación do BNG, se suma á folga de fame das mulleres de Velaluz durante a fin de semana, puxo de manifesto que as nacionalistas convocaron este acto simbólico “en solidariedade cos mulleres de Velaluz que levan 4 días de fame, en solidariedade coas que perderon o medo e denunciaron o maltrato e tamén en solidariedade coas que non tomaron o paso de denunciar a situación de maltrato que sofren”. Salientou a nacionalista que “urxe que o problema da violencia de xénero se sitúe onde lle corresponde: trátase dun problema político e hoxe por hoxe é o principal problema problema político, porque falamos da vida de mulleres e crianzas que sometidos a maltrato e aos que non se lles bota unha man”.

O BNG urxe o PP a dedicar o orzamento que faga falta para que as mulleres poidan escapar do círculo da violencia e do maltratador

“Non nos valen as escusas da crise e o argumento da austeridade do PP, porque os recortes e a austeridade están cercenando os recursos destas mulleres para poder fuxir do círculo da violencia xunto coas súas crianzas”, sinalou Vitoria Louro, quen urxiu a Xunta de Galiza e o Goberno central a dedicar o orzamento que faga falta para que se poñan en marcha todos os mecanismos que permitan que as mulleres poidan escapar do círculo da violencia e do maltratador e para que poidan levar unha vida digna, libres, como elas queren.

Tamén pediu a responsábel comarcal de Acción Feminista que “non se siga xudicializando o problema, porque cando as mulleres que sofren malos tratos se deciden a denunciar, teñen a vida xudicializada e vense na obriga de estar día si día tamén no xulgado mesmo respondendo a denuncias do maltratador; é o mundo ao revés”.

Vitoria Louro, en nome do BNG, súmase á folga de fame de Velaluz durante a fin de semana