Verteduras na ría: O BNG exíxelle á Autoridade Portuaria que controle os depósitos de Repsol

Verteduras na ría: O BNG exíxelle á Autoridade Portuaria que controle os depósitos de Repsol

petroleros_pantalanesA Coruña, 11 de marzo de 2015- O Grupo Municipal do BNG exíxelle á Autoridade Portuaria que controle os depósitos de Repsol no porto da Coruña e que explique se se rexistrou algún tipo de fallo no sistema almacenamento de tanques da empresa. Precisamente, as nacionalistas puideron saber que o pantalán número 4 de Repsol no porto interior da Coruña leva pechado desde febreiro, mes no que se produciu unha das verteduras de hidrocarburos que levaron a pechar a ría nos últimos días.

Na mesma liña, o Grupo Municipal do BNG exíxelle ao Sr. Negreira que se comunique coa Autoridade Portuaria para que explique se as instalacións de Repsol no porto interior son as causantes das verteduras de hidrocarburos ou se pode aseverar que o resto de fuel dos depósitos ou os residuos dos barcos de Repsol non teñen a ver co problema que levou ao peche da ría desde Dexo até a Punta de Alba, co consecuente prexuízo económico para os colectivos que extraen bivalvos da ría.

Mariñeiros que se puxeron en contacto co BNG sinalan que non é a primeira vez que se producen verteduras de hidrocarburos como os que afectan á costa da Coruña e que, segundo puideron saber hai anos, estas verteduras tiñan lugar cando os tanques de Repsol desbordaban. Apuntan estes traballadores do mar que as características das verteduras que están afectando a ría apuntan a que se produciron de dentro da ría cara a fóra.

Neste contexto, o BNG, que denunciou as verteduras no Congreso e no Parlamento, exixe explicacións de inmediato e que se investiguen a fondo as posíbeis causas. Advirten as nacionalistas que o colectivo de mariscadores, percebeiros e os que extraen ourizos carecen dun seguro que lles cubra este tipo de incidentes alleos a súa actividade e que os condena, máis unha vez, a quedar sen traballo e sen ingresos.

Verteduras na ría: O BNG exíxelle á Autoridade Portuaria que controle os depósitos de Repsol