Vence salienta que foi o PP quen impuxo a lei da quita ás preferentes

Vence salienta que foi o PP quen impuxo a lei da quita ás preferentes

A Coruña, 5 de xullo de 2013.- O portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Xavier Vence, acompañado do portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, e mais das concelleiras María Xosé Bravo e Avia Veira, mantivo na tarde de hoxe unha reunión cunha representación da Plataforma de Afectados polas Preferentes da Comarca da Coruña, xuntanza na que advertiu de que a estafa das preferentes “foi un roubo deliberado e claramente deseñado polo Banco de España, polo Goberno central e pola Xunta de Galiza para sanear a banca”. Así, denunciou o “cinismo” de Feijóo ao tratar de ocultar que foi o PP quen impuxo a Lei 9/2012, que estabelece a quita ás preferentes, unha normativa do Partido Popular, apuntou, que consagra o espolio.

Nesta liña, Vence aludiu ao papel de Feijóo como un dos responsábeis da estafa, non só polo lanzamento masivo de emisións, a partir de 2009, senón tamén polo tráfico interno. De feito, puxo de manifesto que “na auditoría de KPMG se recomendaba que as preferentes fosen vías para refinanciar as entidades e o propio Feijóo deulle o visto bo a esta formulación da auditoría, sempre ocultando esta información”. Tamén se referiu o nacionalista ao coñecemento de Feijóo das remuneracións multimillonarias dos directivos das caixas, cos que o presidente da Xunta estabelecera un pacto de complicidade.

Pola outra banda, o portavoz nacional do BNG lamentou que a por entón conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, desprece o Parlamento de Galiza e os galegos e galegas ao non querer comparecer na comisión das caixas. Precisamente, Xavier Vence apuntou que o BNG iniciará un proceso na Cámara galega para declarar a ex responsábel da Xunta que pilotou máis de perto todo o proceso de fusión, “persoa non grata”.

É de xustiza que os aforradores e aforradoras estafados recuperen o 100% dos seus cartos

O portavoz nacional do BNG, que fixo un repaso polas múltiples iniciativas presentadas pola formación frontista en todas as institucións para resolver a estafa das preferentes, sinalou que “é de xustiza que os aforradores e aforradoras estafadas recuperen o 100% dos seus cartos en líquido, non en produtos financeiros”. Asegurou que o BNG seguirá a traballar para que así aconteza e seguirá a participar en todas as mobilizacións que se convoquen e insistiu na necesidade de modificar a citada Lei 9/2012.

Tamén falou Xavier Vence sobre a venda de Novagalicia Banco a unha entidade española, coa “aposta do Goberno central pola gran banca e coa complicidade e desidia da Xunta de Galiza”. Así, denunciou que “resulta clamoroso que Feijóo non se comprometese hoxe a garantir que Novagalicia Banco siga a ser galego e radicado en Galiza e criticou que “despois dos 9.000 millóns de euros de sacrificio dos contribuíntes para rescatar Novagalicia Banco e despois de roubar máis de 600 millóns de euros aos preferentistas para recapitalizala mediante un auténtico espolio, o Partido Popular permitaque Galiza fique sen entidade financeira ningunha”.

Neste contexto, o portavoz nacionalista subliñou que “Galiza ten dereito a preservar un sistema financeiro propio”. Así, insistiu na aposta do BNG por que Novagalicia Banca se converta nun banco público galego, coa transferencia aos poderes públicos galegos da participación que o FROB ostenta na actualidade no capital de Novagalicia Banco. Apuntou que o impulso a unha banca pública “permitirá dotar aos galegos e galegas dun instrumento para orientar os nosos aforros e investimentos” e unha entidade “na que os aforradores e aforradoras poidan confiar”. Para o BNG este será o único xeito de que Galiza conte con financiamento para a súa economía produtiva, as súas empresas e para evitar o espolio do aforro galego e asegurar así que este reverta no desenvolvemento do país.

Vence salienta que foi o PP quen impuxo a lei da quita ás preferentes