Vence salienta o compromiso social, político e ético de Moncho Valcarce na defensa de Galiza

Vence salienta o compromiso social, político e ético de Moncho Valcarce na defensa de Galiza

A Coruña, 1 de Febreiro 2014.- Ramón Valcárcel, o cura das Engrobas, foi homenaxeado pola agrupación do BNG do barrio coruñés de Monte Alto como cada 1 de febreiro, neste caso co portavoz nacional, Xavier Vence, como convidado a dar o discurso para honrar a este crego e político de quen salientou o seu “compromiso político, social e ético insubornable na defensa de Galiza”.

“Foi un dos nosos, e o BNG recolle o seu legado conformando un nacionalismo activo que non se rende ante as adversidades e as dificultades cando se trata de defender este país, e por iso este recoñecemento a un dos nosos mellores referentes”, salientou Vence durante a homenaxe no cemiterio de San Amaro, ao que fora referente de tantas loitas sociais e en defensa dos dereitos dos labregos e labregas.

O portavoz nacional animou a “seguir adiante seguindo o exemplo de Moncho Valcárcel a todos e todas os que compartimos as súas aspiracións, batallando para que este país mude”, en tempos complexos nos que estamos a vivir, dixo Vence, “o peor do que puido imaxinar, como que a pobreza volva a moitos fogares ou que a corrupción se estenda”, males contra os que loitou toda a súa vida.

“Hoxe temos máis razóns para redobrar esforzos porque os problemas fundamentais contra os que se enfrontou seguen presentes, e os inimigos seguen a ser os mesmos de sempre, por iso recollemos o espírito de Moncho Valcárcel para continuar coa súa loita”, salientou.

No acto de homenaxe, participou o grupo municipal do BNG no concello da Coruña, encabezado polo portavoz municipal, Xosé Manuel Carril, militantes, simpatizantes e numerosas persoas que quixeron expresar o seu recoñecemento a este defensor da xustiza social e do recoñecemento de Galiza a un “exemplo de honestidade, honradez e de loita polos máis desfavorecidos”.

Vence salienta o compromiso social, político e ético de Moncho Valcarce na defensa de Galiza