Veira respóndelle ao edil de SS: "O BNG está onde ten que estar, na rúa e co pobo, e non coa banca"

Veira respóndelle ao edil de SS: "O BNG está onde ten que estar, na rúa e co pobo, e non coa banca"

A Coruña, 28 de febreiro de 2013.- En resposta as descualificacións do concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, respecto da actuación directa do BNG no caso de Aurelia Rei, a concelleira nacionalista Avia Veira sinala que "o BNG está onde ten que estar, na rúas, ao lado dos movementos sociais e de vítimas das políticas antisociais do PP, como Aurelia Rei, e non nos despachos, como o Goberno do Sr. Negreira". "Xa sabemos que o PP non está do lado do pobo, senón dos mercados e dos bancos", engade.

En resposta ás preguntas dos medios, Veira expuxo que o BNG "acompañou e acompañará os movementos sociais e as persoas desafiuzadas e afectadas polas políticas neoliberais e de asfixia social do PP porque somos representantes da cidadanía e somos cidadás e, como tal, temos que reaccionar contra as leis inxustas". A nacionalista lembrou as palabras de Gandhi "cando unha lei é inxusta, o correcto é desobedecer" e engadiu que "é imprescindíbel que as cidadás tomemos a iniciativa e impidamos casos escandalosos e de inxustiza social como o que están a sufrir tantas persoas".

Lorenzo pretende distraer a atención sobre a súa inacción

Pola outra banda, a concelleira nacionalista considera que con declaracións como estas o Sr. Lorenzo só pretende distraer a atención sobre a súa inacción no caso de Aurelia Rei, do que aínda esta mañá se desatendeu. "E incríbel que o concelleiro de Servizos Sociais só propuxera mandar a esta señora a unha residencia, cando se trata dunha persoa absolutamente autónoma".

Critica Veira que o Sr. Lorenzo desoíra, en todo momento, as demandas dos colectivos que traballan no ámbito dos desafiuzamentos, como Stop Desahucios.

O Goberno municipal está do lado das entidades bancarias para darlle saída ao seu parque inmobiliario por conta das persoas desafiuzadas

Veira acusa o Goberno municipal do Partido Popular de poñerse do lado das entidades bancarias para lle dar saída ao seu parque inmobiliario por conta das persoas desafiuzadas polas propias entidades bancarias. "E non é que o diga o BNG, isto evidénciase coa adhesión do Concello da Coruña ao convenio impulsado pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), asinado por Ana Pastor, ministra de Fomento, Luis De Guindos, ministro de Economía, Ana Mato, ministra de Servizos Sociais, por 32 entidades bancarias (entre as que se atopan Bankia, o BBVA, o Banco de Santander ou Novagaliciabanco) e por agrupacións do ámbito destas entidades, para a creación de fondos sociais de vivendas.

"Este convenio supón un negocio redondo para a banca: a propia entidade que te bota da túa casa queda coa túa vivenda e pon á túa disposición outro dos seus inmobles en réxime de alugueiro e o Goberno muncipal aplaude as perversións da banca e aínda se adhire a este convenio", engade.

Por último, a nacionalista lembra que o BNG presentou en decembro unha moción para acabar cos desafiuzamentos na cidade en que se recollía unha batería de medidas específicas a acometer desde o eido municipal. Tratábase dunha iniciativa elaborada en conxunto con Stop Desahucios e Arquitectos sen Fronteiras e que o Partido Popular nin sequera permitiu debater.

Veira respóndelle ao edil de SS: "O BNG está onde ten que estar, na rúa e co pobo, e non coa banca"