Veciñ@s de Palavea denuncian o soterramento de refugallos nas obras que acomete o Concello

Veciñ@s de Palavea denuncian o soterramento de refugallos nas obras que acomete o Concello

Imaxe tomada o 07.10.2014

A Coruña, 14 de outubro de 2014- A través de veciños e veciñas, o Grupo Municipal do BNG tivo coñecemento do soterramento, no Campo da Pena (Palavea), de restos das obras que o Concello está a acometer no barrio. Non é a primeira vez que acontece, xa que a semana pasada, operarios das obras municipais, servíndose dunha escavadora, abriron un buraco no Campo da Pena –na zona que vai estar cuberta por herba- para soterrar desde tubaxes a anacos de poliespán e restos de asfalto, en lugar de acumular os entullos nos colectores de obra correspondentes. Ao rematar, taparon o furado. Esta mesma mañá, operarios desta obra volveron facer o mesmo.

Diante deste soterramento indebido de refugallos procedentes das obras municipais –que deberían acumularse no preceptivo colector de obra para o seu tratamento posterior, tal e como recollen as distintas normativas-, habitantes de Palavea chamaron esta mesma mañá a policía municipal, que se limitou a presentarse no lugar dos feitos e a sacar fotografías unha vez estaba pechado o buraco.

Imaxe tomada hoxeLembran as nacionalistas que a propia ordenanza municipal que regula a xestión de residuos municipais e limpeza viaria sinala no seu artigo 42 que os residuos procedentes de obras menores de construción e reparación domiciliaria teñen que ser depositados nos puntos limpos. Ademais, o artigo 43 da citada ordenanza, dedicado aos residuos de construción e demolición, remite á normativa da Xunta de Galiza, que alude ao Plan de xestión de residuos industriais e solos contaminados de Galicia, ao Real Decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición e mais ao programa de xestión de residuos de construción e demolición de Galicia (2005-2007).

Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG rexistrou unha batería de preguntas para a resposta escrita co fin de coñecer a procedencia destes entullos, por que se soterraron no canto de acumularse no colector de obra correspondente e como pensa proceder o Goberno local diante desta infracción.

Veciñ@s de Palavea denuncian o soterramento de refugallos nas obras que acomete o Concello