Valencia: "Até o TSXG confirma a mala xestión económica do Goberno municipal"

Valencia: "Até o TSXG confirma a mala xestión económica do Goberno municipal"

Ermitas ValenciaA Coruña, 8 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG votou en contra do segundo modificativo de crédito deste ano, un modificativo que, en palabras da concelleira nacionalista Ermitas Valencia, demostra que “estamos gobernados pola improvisación total, polas ocurrencias de última hora e pola falta de xestión”. Esta mala xestión, afirmou, provocou unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que condena o Concello por atrarse nun pagamento, cun aumento en dous puntos do tipo de xuro a pagar.

A concelleira do BNG salientou que “a súa falta de eficacia na xestión e na dilixencia no pago é algo que até o pon de manifesto o TSXG, coa sentenza de 12.09.2014 que confirma un auto do pasado mes de abril en que se lle ordenaba ao Concello a pagarlle a unha empresa 67.777, 50 euros cos xuros legais desde o día 21.03.2012 até o 31.03.2013 e co incremento en dous puntos”.

“Vostedes non dar orzado ben nin para o pago da luz e do gas”

A continuación, fixo fincapé no recoñecemento extraxudicial de facturas de gasto corrente por valor de 135.592 euros, unhas facturas que corresponden ao ano 2012 e non “á herdanza paranormal do bipartito”. “Vostedes non dar orzado ben nin para o pago da luz e do gas”, espetoulle Ermitas Valencia ao Goberno municipal, a quen lle lembrou que estes recoñecementos extraxudiciais, que o PP na oposición cualificaba de facturas ilegales, suman xa 215.931,73 euros.

Tamén fixo alusión a nacionalista aos 80.000 euros de recoñecemento extraxudicial do IMCE, uns cartos destinados aos dereitos de autor de 2012, “outra herdanza paranormal do bipartito”, ironizou, para logo cualificar de cínico o argumentario do Partido Popular sobre a suposta herdanza cando se trata de facturas correspondentes a súa etapa de goberno.

“O convenio coa Cámara que ía saírnos gratis cústanos 200.000 euros”

O convenio entre o Concello, a Fundación Emalcsa, Cámara de Comercio e a Fundación Instituto Cameral, recollido no decreto de Alcaldía do 3 de maio de 2103, centrou parte da intervención de Ermitas Valencia. “Menos mal que segundo o decreto de Alcaldía (achégase en documento anexo) este convenio ía saírnos gratis”, exclamou a nacionalista. E é que para este convenio, o modificativo de crédito debatido esta mañá en Pleno achega 60.000 euros, cantidade que se suma aos 140.000 euros recollidos no anterior modificativo de crédito. “En total, 200.000 euros para un convenio que ía ser de balde”, insistiu.

Lembrou Ermitas Valencia que por conta deste convenio, o Goberno municipal suprimiu a convocatoria de subvencións a persoas emprendedoras autónomas. “E aínda estarán orgullosos de non poñer enriba da mesa ningunha medida que axude a paliar a crise e o paro na nosa cidade”, engadiu.

Baixo nivel de execución orzamentaria

Por último, a concelleira do BNG aludiu ao baixo nivel de execución do orzamento de 2013 que revela a documentación deste modificativo de crédito. “A situación económica é suficientemente grave como para que se permitan o lixo de non executar o orzamento municipal”, advertiu.

E é que o Goberno do Sr. Negreira tan só ten executado, a data de 27 de setembro de 2013, o 31,37% do investimento real. Quédalle aínda por gastar en investimentos un total de 30.378.627,53 euros.

Valencia: "Até o TSXG confirma a mala xestión económica do Goberno municipal"