O Sr. Negreira gasta 90.000€ nas touradas mentres recorta en Igualdade, suprimindo a Concellaría

O Sr. Negreira gasta 90.000€ nas touradas mentres recorta en Igualdade, suprimindo a Concellaría

A Coruña, 8 de marzo de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira e o responsábel de Galiza, Mellor sen Touradas, Rubén Pérez repartiron esta mañá nos arredores do mercado de Santo Agostiño material informativo da plataforma antitouradas para denunciar os subsidios do Goberno municipal á feira taurina. En declaracións aos medios, a edila nacionalista denunciou que “o Sr. Negreira recorta en igualdade, chegando mesmo a suprimir a Concellaría de Igualdade, mentres gasta, sen contemplacións, máis de 90.000 euros nas touradas”. Veira sinalou que “desde o BNG nos posicionamos en contra das touradas e consideramos que o Concello non ten que financiar este tipo de actos, que ademais de ser cruentos non teñen nada a ver coa cultura galega”. A concelleira nacionalista criticou que o PP recorte en igualdade, en cultura ou en ensino e que encareza servizos municipais como a auga e o autobús cando subvenciona de xeito encuberto as touradas.

Pola súa banda, Rubén Pérez cualificou de “inmoral” que o Goberno do Sr. Negreira subvencione as touradas coa crise que está a sufrir a inmensa maioría das persoas. O responsábel do colectivo en defensa dos animais informou de que a feira taurina da Coruña lles saíu aos coruñeses e coruñesas 90.000 euros, mentres que lle custou a empresa 3.540 euros. Lembrou que o Goberno municipal lle cedeu á empresa a banda de música, as billeteiras do Coliseum e da Praza de Ourense e acondicionou o Coliseum. “Á vista destas cifras, habería que preguntarlle a concelleiros como o Sr. Mourelo ou a Sra. Ana Fernández que opinan de que as súas áreas sufriran recortes nos orzamentos de 2013 cando eles mesmos apoiaron no IMCE a feira taurina”, engadiu.

O Sr. Negreira gasta 90.000€ nas touradas mentres recorta en Igualdade, suprimindo a Concellaría