O realmente temerario é que o Goberno municipal non actúe contra os promotores de Someso

O realmente temerario é que o Goberno municipal non actúe contra os promotores de Someso

A Coruña, 20 de decembro de 2012.- En relación coas últimas novidades sobre o caso Someso, o Grupo Municipal do BNG aconséllalle ao Goberno do Sr. Negreira ser máis prudente e menos temerario. Así, sobre a última sentenza ditada polo TSXG que tomba un fallo favorábel ao Concello, os nacionalistas indican que a prudencia e cautela á que apelaba o BNG era, precisamente, porque a xurisprudencia do Superior sobre Someso non só era reiteradísima, senón que tamén era moi clara e contundente. Sería bastante estraño, consideran os nacionalistas, que o TSXG non revogase as sentenzas ditadas polo Contencioso.

Ademais, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que esta última sentenza, ao igual que as anteriores ditadas polo TSXG (que o PP utiliza para acusar o BNG de consentir) é firme e que non é recorríbel en recurso de casación ordinario. Tal e como sinala o fallo, "contra ella sólo se podrá interponer recurso de casación en interés de ley". Isto significa que, de acordo coa xurisprudencia e coa lei (Lei 29/1998), non afectaría nin ao fallo das sentenzas nin ás súas consecuencias xurídicas (a reversión dos terreos e a indemnización substitutoria). Este recurso en interese de lei, como nos anteriores casos, é improcedente e estaría avocado ao fracaso, dado que o que se cuestiona nestes procedementos é se a adquisición dos terreos se efectuou dentro dun procedemento expropiatorio e iso é unha cuestión de feito, non revisábel en casación.

Non só é posíbel, senón que é necesario revisar de oficio todas as actuacións e acordos de Someso, polo que é temerario non actuar en consecuencia

Pola outra banda, e en relación co que figura no informe sobre a proposta dos técnicos que se estude "la posibilidad de anulación de algunas dobles ventas de las parcelas adquiridas por el Ayuntamiento, con las consecuencias legales que pudiera tener para los propietarios que incurrieron en esa práctica", o Grupo Municipal do BNG sinala que isto evidencia e confirma o que dicían os nacionalistas: que non só é posíbel, senón que é necesario revisar de oficio todas as actuacións e acordos de Someso.

Evidencia tamén, apuntan os nacionalistas, que o principal beneficiario destas operacións é o Sr. Fontenla, a través das súas múltiples sociedades.

E, por último, con cada novo aspecto que se coñece do informe, evidénciase moito máis a necesidade de que o Concello da Coruña reclame os dereitos que ten como propietario, actuando contra os promotores, sen ter que esperar ao que decide a Fiscalía.

É por todo isto que os nacionalistas sinálanlle ao Goberno do Sr. Negreira que o realmente temerario non é que o BNG leve anos e anos denunciando esta desfeita, senón que o Goberno municipal, tendo coñecemento fehaciente da apropiación de bens do Concello por parte dos promotores non actúe, de inmediato, contra estes.

O realmente temerario é que o Goberno municipal non actúe contra os promotores de Someso