O PP volve aumentar as subvencións ao autobús urbano, malia os beneficios da Compañía de Tranvías

O PP volve aumentar as subvencións ao autobús urbano, malia os beneficios da Compañía de Tranvías

A Coruña, 11 de novembro de 2012.- Ante a información de que o Goberno Municipal do PP vai destinar nos orzamentos do vindeiro ano 2013 sete millóns de euros á subvención do transporte colectivo urbano de viaxeiros, sendo este o terceiro ano consecutivo no que se aumenta en un millón de euros a devandita subvención, o Grupo Municipal do BNG sinala que esta decisión é unha tomadura de pelo á cidadanía xa que con isto a Compañía de Tranvías seguirá incrementando os seus beneficios a costa dos coruñeses e das coruñesas. O BNG lembra o que denunciou durante o verán, que a Compañía de Tranvías tivo suculentos beneficios económicos, de cáseque tres millóns de euros, durante o ano 2011 por conta dos oito millóns de euros en axudas municipais.

Os/as nacionalistas sinalan que a política do Partido Popular é incrementar a presión fiscal da cidadanía como acaba de facer recentemente coa aprobación inicial das ordenanzas fiscais e de prezos púbilcos para o ano 2013, que entre outras subas cómpre subliñar a da auga, mentres incrementa as axudas á Compañía de Tranvías para que esta siga obtendo substanciosos beneficios.

O BNG exixe, de novo, que se revise as lesivas condicións de concesión da Compañía de Tranvías e agarda que non se lle ocorra ao Goberno local e á Compañía de Tranvías o descaro de incrementar os billetes. O BNG critica a actitude tolerante e servil do PP que se nega a revisar ditas condicións e que se negou por última vez a revisalas no pleno de setembro ante unha moción que presentaron os nacionalistas.

 

O PP volve aumentar as subvencións ao autobús urbano, malia os beneficios da Compañía de Tranvías