O PP teima en seguir a ocultar as auditorías de Nostián

O PP teima en seguir a ocultar as auditorías de Nostián

A Coruña, 4 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG sinala que, de novo, o Goberno do PP volve facer un anuncio propagandístico, desta volta coa creación dunha comisión técnica, económica e xurídica co Consorcio das Mariñas, co mesmo resultado de sempre: ocultar as auditorías da planta de Nostián. As nacionalistas acusan o Sr. Negreira de non dar a coñecer as auditorías económica e técnico-ambiental e de adiar o seu coñecemento público en beneficio, único e exclusivo, da UTE Albada e en prexuízo, único e exclusivo, do pobo, ao que lle agocha o resultado destes estudos e ao que lle fai pagar por un servizo, o da reciclaxe, que non recibe.

O Grupo Municipal do BNG sinala que logo de cáseque 50 días da xuntanza entre o Sr. Negreira e o presidente do Consorcio das Mariñas, Sr. Santiso, o Concello da Coruña, xunto ao Consorcio, crea hoxe unha comisión, que aínda se vai reunir para a vindeira semana (o alcalde xa anunciara o pasado 17.09.2013 que se reuniría a última semana de setembro), que ten como única escusa dilatar o coñecemento das auditorías.

Despois de que pasara máis de un ano do coñecemento dos resultados das auditorías por parte do PP, o Sr. Negreira segue a adiar a súa difusión con distintos argumentos e cambios de criterio, negándose a facelos públicos. Así, segue a enganar o pobo dicindo que aínda non ten analizado os resultados da auditorías e encoméndalle á comisión “a análise dos datos presentados polas auditorías co fin de facer un bo diagnóstico e tratamento”.

O BNG pon de manifesto que cada día que pasa é un día máis de prexuízo para o pobo e os traballadores e un día máis de marxe de actuación para a empresa, entrementres se mantén a estafa social da reciclaxe e mais o conflito, sinalan as nacionalistas, que exixen, unha vez máis, que o Goberno do PP dea a coñecer, de inmediato, os resultados das auditorías.

O PP teima en seguir a ocultar as auditorías de Nostián