O PP tamén lle mete a tesoira á erradicación do chabolismo

O PP tamén lle mete a tesoira á erradicación do chabolismo

chabolismoA Coruña, 10 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG advirte de novos recortes dentro do departamento de Servizos Sociais, concretamente no programa de erradicación do chabolismo e mais no programa de desenvolvemento xitano. Segundo reflicte a memoria de xestión da Concellaría de Servizos Sociais correspondente ao 2013, o Goberno do Sr. Negreira deixou de executar 184.190 euros no programa de erradicación do chabolismo respecto a 2012. Así, mentres no 2012 se executara un total de 654.670 euros, no 2013 executáronse só 470.480 euros.

A rebaixa de execución máis escandalosa dase no caso do programa de desenvolvemento xitano, onde se deixaron de executar 195.690,21 euros respecto do ano anterior. E é que mentres no 2012 se executaran 280.686 euros, en 2013 a cantidade diminuíu a 84.995,79 euros.

Os recortes do Goberno municipal do PP tamén poden apreciarse no número de participantes ou usos en actividades do programa de desenvolvemento xitano, que pasa de 2.050 en 2012 a 1.273 no 2013 ou no número de persoal de entidades con convenio co Concello no marco do plan de desenvolvemento para o chabolismo, que o Goberno do Sr. Negreira reduciu dos cinco de 2012 a tres.

Fracaso absoluto

O BNG advirte do fracaso absoluto do Goberno do Sr. Negreira en materia de erradicación do chabolismo e de inclusión social do pobo xitano. Así, as nacionalistas poñen de manifesto que a avaliación dos avances e solucións acadadas é negativa, pois non se garantiu o acceso a vivenda e hábitat dignos dun contexto normalizado, non se melloraron as condicións de acceso ao emprego da poboación a través da educación e a formación, non se apoiou nin se promoveron mecanismos de incorporación laboral e non se facilitou nin se garantiu o acceso á educación.

Para o Bloque, as causas deste fracaso son multifactoriais. Porén, cita como máximas culpábeis a nula implicación do Goberno do Partido Popular e as súas políticas pouco respectuosas coa comunidade xitana. Xunto ás políticas do Partido Popular, outro dos aspectos a ter en conta, lembran as nacionalistas, debería ser a participación activa do sector de poboación a quen ían dirixidos os diferentes programas; con todo, o Goberno do Sr. Negreira esqueceu o pobo xitano neste proceso que necesariamente debería ser participativo.

Que é do convenio coa Fundación Caixa Galicia?

Por último, o Grupo Municipal do BNG pregúntase que hai do convenio do Concello coa Fundación Caixagalicia (hoxe A Banca) anunciado a 17 de xaneiro de 2014 e que case seis meses despois do anuncio, o Bloque aínda non ten coñecemento da sinatura nin da aprobación do convenio en Xunta de Goberno Local. As nacionalistas son partidarias de que o Concello da Coruña retome a xestión pública e directa das axudas para a erradicación do chabolismo.

O PP tamén lle mete a tesoira á erradicación do chabolismo