O PP rexeita todas as alegacións presentadas polo BNG á ordenanza de terrazas

O PP rexeita todas as alegacións presentadas polo BNG á ordenanza de terrazas

A Coruña, 29 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira desestimara todas as alegacións presentadas pola concelleira nacionalista, Ermitas Valencia, á ordenanza municipal reguladora da instalación de terrazas en espazos de uso público, normativa que se debaterá no Pleno ordinario de maio.

Entre outras, o Goberno municipal desestimou a alegación na que Valencia reclamaba transparencia e a participación da veciñanza. Así, para que a veciñanza for coñecedora do contido da autorización, o BNG propuña que se colocasen nun lugar do estabelecemento visíbel desde o exterior tanto a resolución de autorización para a terraza como o plano de detalle. Deste xeito, forneceríase as veciñas de información sobre a terraza á vez que se incrementaría a seguridade do sector hosteleiro e, ademais, evitaríanse conflitos.

Nesta alegación, Ermitas Valencia sinalaba que a veciñanza e a hostalaría teñen que estar presentes a través do movemento asociativo veciñal, entidades de ámbito das discapacidades, e asociacións do sector nos órganos de seguimento, asesoramento, coordinación e control da aplicación da ordenanza. Por iso, propuña un maior desenvolvemento da conformación e función da Comisión especial de terrazas.

Para o BNG, a colaboración da cidadanía, tanto a través da canalización das súas demandas e sensibilidades en relación ao espazo público, como no seguimento e control da aplicación da ordenanza, é de suma importancia para que a normativa sexa eficaz.

O PP rexeita todas as alegacións presentadas polo BNG á ordenanza de terrazas