O PP rexeita as máis de 300 reclamacións contra a estafa social da reciclaxe

O PP rexeita as máis de 300 reclamacións contra a estafa social da reciclaxe

A Coruña, 17 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno do Sr. Negreira tombara as máis de 300 reclamacións presentadas polo Bloque á ordenanza fiscal nº 6, reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida e tratamento de lixo e residuos urbanos, co fin de que as persoas contribuíntes pagasen polo que realmente se recicla na planta de Nostián. Chama a atención que, para tombar as reclamacións do BNG, o Goberno do Sr. Negreira se apoie nun informe municipal que asegura que a porcentaxe de lixo que se trata na planta de Nostián é do 100%.

Concretamente, o Servizo de Medio Ambiente sinala nun informe que “na planta de residuos urbanos de Nostián, da Coruña, trátanse o 100% dos residuos urbanos que entran en devantida planta, mediante un complicado proceso de triaxe, de voluminosos, selección de envases, biometanización e compostaxe”. E isto, a pesar de que a Concellaría de Medio Ambiente ten declarado publicamente que o volume de reciclaxe de Nostián se atopa no 56%. Así llo aseguraba aos medios de comunicación o propio edil de Medio Ambiente en declaracións realizadas no mes de xuño e no mes de agosto do presente ano.

O PP oponse a que as persoas paguen en correspondencia co servizo recibido

Ao desestimar a reclamación do BNG, o PP négase a elaborar unha nova memoria económico-financeira que repare sobre o custo da actividade do tratamento do lixo e que xustifique a contía da taxa proposta segundo o grao de tratamento realmente efectivo do lixo. Polo tanto, o PP oponse a que as persoas paguen en correspondencia co servizo recibido.

Nas reclamación, o Bloque puña de manifesto que a prestación do servizo de tratamento de lixo e dos residuos urbanos non se está a cumprir nas condicións fixadas na concesión administrativa do servizo público de xestión da planta e que a cidadanía está a pagar unha taxa pola prestación dun servizo que non se está a cumprir nas condicións legalmente estabelecidas. Tamén aludía o BNG á lexislación aplicábel na materia, que é moi clara en relación coa cuantificación do importe da contía da taxa, que debe estar sempre vencellada ao custe do servizo ou actividade do feito impoñíbel, mais tamén á prestación real e efectiva do servizo determinante do feito impoñíbel da taxa.

O PP rexeita as máis de 300 reclamacións contra a estafa social da reciclaxe