O PP pretende amparar legalmente as obras de remodelación do tramo das Ánimas en beneficio de Copasa

O PP pretende amparar legalmente as obras de remodelación do tramo das Ánimas en beneficio de Copasa

A Coruña, 26 de setembro de 2014.- Detrás do anuncio, realizado esta mañá por parte do alcalde, da incorporación de espazos urbanos do porto á xestión municipal, a través da ampliación dun convenio de 1997, o Goberno Local do Sr. Negreira pretende amparar legalmente as obras de remodelación do tramo das Ánimas para beneficio de Copasa. Estas obras, tal e como denunciou o BNG (achégase nota de prensa de 5 de setembro), fanse ao abeiro do Convenio de 1997 que non amparaba esta actuación, razón pola que se modifica agora para darlle cobertura legal a estas obras e para que sexa, ademais, o Concello da Coruña quen teña que asumir os custes que lle corresponde á Autoridade Portuaria. O BNG lembra que estas obras de remodelación do tramo das Ánimas representa outro agasallo máis por valor de 464.535,60 euros que beneficia a COPASA, dado que a súa finalidade é mellorar os accesos ao aparcadoiro e viario soterrado do Parrote.

A Xunta de Goberno Local de 5 de setembro de 2014: contratación das obras de remodelación do tramo das Ánimas ao abeiro dun convenio de 1997 que non amparaba legalmente estas obras, dado que só aludía á restauración das murallas e á adecución da contorna, razón pola que agora se modifica o convenio

O BNG lembra que a Xunta de Goberno Local de 5 de setembro aprobou a contratación das obras comprendidas para a remodelación do tramo das Ánimas. As nacionalistas denunciaron ese mesmo día que se trataba da execución dunha glorieta nunha zona verde, que incumpría o Plan Especial do Porto e que se ía facer ao abeiro dun convenio de 1997 que non amparaba esta actuación. E é que a titularidade dos terreos nos que está proxectada esta obra aprobada en Xunta de Goberno Local corresponde a Autoridade Portuaria da Coruña, razón pola que esta actuación do Goberno Local só se pode facer ao abeiro dun convenio que así o permita.

Tal e como denunciara o BNG o propio día 5 de setembro de 2014, o convenio de 1997 non dá cobertura legal a esta actuación porque a súa finalidade só era a restauración das murallas e adecuación da contorna. O convenio unicamente se refire á asunción polo concello de funcións tales como limpeza, iluminación pública, xardinaría e mantemento das infraestruturas, así como a vixilancia e a regulación do tráfico e instalacións de seguridade. O Grupo Municipal do BNG considera que en ningún caso o Concello da Coruña pode asumir un gasto na modificación do sistema viario, violentando a ordenación do sistema viario do Plan Especial do Porto, cuxa finalidade non é a protección da muralla senón, unicamente, mellorar os accesos ao aparcadoiro e viario soterrado do Parrote. De aí que esta sexa a razón para que o Concello da Coruña pretenda modificar e ampliar o convenio de 1997 e así poder dar cobertura legal a esta actuación.

A Autoridade Portuaria debe estar contentísima: a modificacion do convenio de 1997 supón que o Concello da Coruña asuma cargas económicas que só lle corresponden á Autoridade Portuaria

Ademais, esta modificación do convenio, denuncian as nacionalistas, vai supor que o Concello asuma uns custes de mantemento (limpeza, xestión de residuos, mantemento de xardíns e mobiliario urbano) nos espazos do exterior do porto entre o dique e a rotonda de San Diego (incluído o Parrote), que lle corresponden a Autoridade Portuaria, beneficiada, máis unha vez xunto a COPASA, dos agasallos do Goberno do Sr. Negreira. Estes custes sumaranse así aos custes que o propio concello asumirá polo mantemento do viario soterrado do Parrote a costa das coruñesas e coruñeses e para beneficio única e exclusivamente de Autoridade Portuaria e de COPASA.

O PP pretende amparar legalmente as obras de remodelación do tramo das Ánimas en beneficio de Copasa