O PP oponse á moción elaborada polo BNG con STOP DESAHUCIOS e ARQUITECTOS SEN FRONTEIRAS

O PP oponse á moción elaborada polo BNG con STOP DESAHUCIOS e ARQUITECTOS SEN FRONTEIRAS

A Coruña, 3 de decembro de 2012.- No apartado de mocións, os concelleiros e concelleiras do PP rexeitaron a iniciativa levada polo BNG ao Pleno sobre os desafiuzamentos, unha moción acordada con STOP DESAHUCIOS e con ARQUITECTOS SEN FRONTEIRAS. Nun xesto de lavado de conciencia, o PP levou a Pleno, no último momento, unha iniciativa sobre desafiuzamentos completamente baleira de contido e de compromisos, unha iniciativa na que nin se contempla a reforma da lei hipotecaria nin a dación en pago.

O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, foi quen defendeu a moción dos nacionalistas enfocada a rematar o drama dos desafiuzamentos na nosa cidade na liña das múltiples propostas presentadas polo BNG desde o 2010 no Congreso dos Deputados. Precisamente, os nacionalistas xa levaran a problemática dos desafiuzamentos ao Pleno municipal en outubro de 2011, coa aprobación por unanimidade dunha moción para a dación en pago.

Na moción, o BNG propuña a a modificación da Lei Hipotecaria, con carácter retroactivo, e da Lei de Enxuiciamento Civil, así como a a dación en pago, garantindo o aluguer social da vivenda, máxime cando haxa menores ou persoas dependentes. Tamén esixían os nacionalistas estabelecer un réxime especial no caso da execución de préstamos cando se refire á vivenda habitual ou aos negocios comerciais, contemplar moratorias para deixar o pagamento das cotas hipotecarias temporalmente en suspenso cando se produzan circunstancias económicas alleas a súa vontade como a perda de emprego ou o peche dun negocio e a posibilidade de converter a hipoteca nun aluguer, estudar un procedemento concursal específico para permitir a paralización de certas execucións, modificar o réxime de taxación e aumentar a porcentaxe de adxudicación ao acredor, actualmente no 60 por cento do valor de taxación.

Ademais, o BNG reclama na moción habilitar un Fondo Económico Especial para atender os casos máis dramáticos e evitar o desamparo das persoas e as familias que se atopan en situacións económicas extremas, así como crear unha Oficina de Asesoramento para Familias amenazadas polos desafiuzamentos e unha Bolsa de Vivenda Social, exixindo das entidades bancarias e de aforro que as vivendas baleiras da súa propiedade pasen a formar parte da mesma para o aluguer social ou venda a prezo taxado.

En relación ao eido municipal, os nacionalistas pedían crear unha Comisión Especial para atender casos de desafiuzamentos que estudase a posibilidade de axudas ao aluguer e de axudas para evitar o corte de subministros básicos como auga, gas ou luz e axudas á alimentación. Ademais, solicitaban que se lles esixise ás entidades bancarias a paralización dos desafiuzamentos en marcha e a súa colaboración coa Comisión Municipal creada para Casos de Desafiuzamento. E, no suposto de falta de colaboración de entidades bancarias co Concello proceder, sempre e cando non prexudicase aos veciños e veciñas, a prescindir dos servizos que lle prestasen ao Concello.

 

A moción contra as novas taxas xudiciais, que contaba co visto e prace do decano do Colexio de Avogados, foi desbotada polo PP

Pola outra banda, os e as concelleiras do PP non permitiron debater a moción presentada polo BNG contra os recortes no dereito fundamental á xustiza, unha iniciativa que recibiu o visto e prace de Antonio Platas, decano do Colexio de Avogados e tamén presidente do Consello da Avogacía Galega. En base a esta moción, os nacionalistas reclamaban o rexeitamento do Concello da Coruña á Lei 10/2010, de 20 de novembro, pola que se regulan determinadas taxas no ámbito da administración de xustiza, e que se instase o Goberno de España a derogar esta norma, co fin de garantir o dereito fundamental á tutela xudicial efectiva. Ademais, os nacionalistas pedían a adhesión do Pleno da Corporación ao Manifesto da Avogacía e ao Manifesto sobre loita contra os recortes no dereito á xustiza de FACUA.

Os nacionalistas pedían a retirada inmediata do Proxecto de Lei de reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial e convidar a cidadanía a participar nas concentracións que se realicen en apoio das reivindicacións das organizacións relacionadas coa xustiza, movemento asociativo da Coruña, sindicatos e organizacións políticas contra a citada lei e contra o citado proxecto de lei.

 

O PP tamén tomba a moción do BNG contra a venda de NovaGaliciaBanco

Tamén tombou o PP a moción presentada polo BNG contra a venda de NovaGaliciaBanco e para a creación dunha banca pública galega. O BNG propuña na moción que se garantisen os postos de traballo da entidade galega e que o Concello da Coruña se opuxer ao peche de oficinas, co fin de asegurar unha adecuada atención á clientela.

Ademais, os nacionalistas esixían na iniciativa esclarecer as responsabilidades na fraudulenta xestión que propiciou a actual situación de NovaGaliciaBanco e unha solución para as milleiros de persoas afectadas pola fraude das preferentes, coa devolución íntegra dos seus aforros.

Precisamente, o BNG, coa presenza de militancia, do portavoz do BNG no Parlamento galego, Francisco Jorquera, ou do deputado Carlos Aymerich, entre outros cargos orgánicos e institucionais, realizou esta mañá na oficina da Rúa Nova unha acción de protesta pola venda dos aforros galegos, co futura desaparición de NovaGaliciaBanco.

O PP oponse á moción elaborada polo BNG con STOP DESAHUCIOS e ARQUITECTOS SEN FRONTEIRAS