O PP aprobou o PXOM malia o ditame técnico que alertaba dos perigos da refinería

O PP aprobou o PXOM malia o ditame técnico que alertaba dos perigos da refinería

A Coruña, 11 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que o Goberno do Sr. Negreira aprobou o PXOM en contra dun ditame técnico en que se alertaba dos perigos da refinería de Repsol, onde, en base ao Plan de Emerxencia Exterior da Agrela-Bens, hai fixadas unhas servidumes que limitan a construción. Malia que foi o Goberno municipal quen lle encargou este ditame a unha empresa, o propio Goberno non tivo en conta as condicións limitativas dos usos por causa da afección da refinería e isto a pesar das advertencia dos técnicos municipais de ter en conta as condicións dos usos sinalados no ditame.

Os nacionalistas, que piden que se atenda este ditame, cualifican de “contundentes” as conclusións do informe, que data do 30 de xullo de 2012 (achégase xunto á nota), é dicir, da semana anterior á aprobación provisional en Pleno. Neste ditame, os expertos recoñecen que “a zona obxecto do presente estudo pode verse afectada polo alcance das zonas de intervención das instalacións de Repsol Petróleo e Repsol Butano. De maneira que poderían producirse danos apreciábeis sobre a poboación non protexida (nenos, anciáns, persoas especialmente sensíbeis...). Polo tanto considerando os estabelecementos de Repsol Petróleo e Repsol Butano a proposta non sería aceptábel”. Só serían aceptábeis os sectores urbanísticos incluídos no PXOM se só existisen as instalacións da Compañía Loxística de Hidrocarburos, mais non con Repsol Petróleo e Repsol Butano, recollen os técnicos.

O ditame tivo en conta o Plan de Emerxencia Exterior da Agrela-Bens, elaborado pola Xunta de Galiza no 2011, e que estabelece unha zona de intervención, a máis próxima á planta e a de maior perigo, e outra de alerta, que chega a unha distancia de 2.3km e, nalgún caso, aos 3 km, ao centro da cidade. Así, en base ao plan, identifica “escenarios accidentais que afectarían ampliamente algúns sectores urbanísticos que están previstos no PXOM”. Aínda que sinala que este tipo de accidentes ten unha probabilidade de ocorrencia moi baixa fai unha serie de recomendacións como a imposibilidade de construír vivendas nas actuacións previstas para Penamoa e O Portiño.

Tamén cuestiona o ditame o uso residencial no sector de vío, o uso comercial no SUD-5, nas Rañas (A Cidade da Tecnoloxía, promovida por, entre outros, Jove, Collazo e Soto), o uso comercial en Monte Fieiteira, de Mouras Rexas, A Moura ou mesmo do cuartel da Agrela. Engade a imposibilidade de construír vivendas na Silva, nunha área de Severo Ochoa e de construír o Museo de Automoción e Historia, en Bens, ao estar “afectado en grande medida polos alcances máximos dos accidentes”.

O ditame propón unha completa Análise Cuantitativa de Riscos por parte da refinería

Neste contexto, os expertos recollen no ditame a necesidade de esixirlle a Repsol Petróleo e Repsol Butano e a CLH a elaboración dunha completa Análise Cuantitativa de Riscos, técnica que, segundo o ditame, “ofrece unha aproximación probabilística de risco ponderando as posíbeis distancias accidentais coa súa frecuencia de concorrencia asociada”. Ademais, pide “desenvolver, con máis detalle, en forma de estudo específico, os conceptos de elementos vulnerábeis/moi vulnerábeis e franxas de seguridade actualmente en uso noutras comunidades autónomas, co obxecto de poder definir con maior precisión os usos que pode permitirse nos sectores afectados polos riscos tecnolóxicos que xeran os estabelecementos industriais Repsol Petróleo, Repsol Butano e CLH.

Deste xeito, os desenvolvementos urbanísticos afectados pola zona de risco debería quedar aprazados até que non se elabore a análise que determine se o perigo é admisíbel ou non, tal e como se sinalou no informe técnico do PXOM emitido polos servizos municipais. Deste xeito, gran parte da superficie de solo urbanizábel do PXOM quedaría pendente da análise de riscos.

O PP aprobou o PXOM malia o ditame técnico que alertaba dos perigos da refinería