O número de contratos laborais caeu en 1.000 só no mes de agosto

O número de contratos laborais caeu en 1.000 só no mes de agosto

paroA Coruña, 28 de setembro de 2014- En base aos datos de contratos laborais feitos públicos pola Seguridade Social, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a precariedade é a principal característica dos 8.610 novos contratos de traballo asinados na Coruña no mes de agosto, cifra que supón unha caída de 1.000 respecto dos contratos asinados en xullo.

As nacionalistas alertan da inestabilidade e deterioramento laboral que reflicten as cifras, pois o 92,7% dos contratos rexistrados en agosto son de carácter temporal e tan só o 4,62% son de carácter indefinido (o 2,59 restante son contratos convertíbeis a indefinidos). Unha vez máis, son as mulleres as principais prexudicadas, xa que mentres se rexistraron 218 contratos indefinidos a homes, as mulleres só asinaron 180 contratos indefinidos.

Outro dato que demostra a fraxilidade dos contratos de traballo rexistrados en agosto ten a ver coa alta porcentaxe de contratos asinados no sector servizo, o 87,65%. As nacionalistas lembran que este sector está fortemente vinculado ao traballo estacional dadas as substitucións das vacacións de verán e as actividades estivais.

O Grupo Municipal do BNG sinala que coa caída de mil novos contratos rexistrados en agosto e as 21.081 persoas que se atopan no desemprego –amais dos milleiros de persoas non contabilizadas que se ven na obriga de emigrar en busca dun posto de traballo- demóstrase que os 2 millóns de euros gastados polo Goberno do Sr. Negreira nas festas de María Pita non serviron para crear emprego. Advirte, ademais, de que é necesario un cambio de prioridades no investimento do Goberno municipal xa que os seus dispendios están a provocar un menor consumo e un maior empobrecemento do pobo.

O número de contratos laborais caeu en 1.000 só no mes de agosto