Non perdas este sábado o acto sobre o TTIP

Non perdas este sábado o acto sobre o TTIP

TTIPA Coruña, 27 de febreiro de 2015- O BNG organiza para mañá a xornada de debate “Soberanía e dereito a decidir! A alternativa dos pobos ao tratado de libre comercio USA-UE (TTIP)” co fin de explicar as consecuencias devastadoras da aplicación deste tratado para Galiza.

O acto central da xornada consiste nunha asemblea aberta sobre o TTIP, que terá lugar ás 18.30h no salón de actos do CUR (antiga Empresariais) e que contará coas intervencións de Marisol Mirás, activista do movemento veciñal e número 3 da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, portavoz do Grupo Municipal do BNG e cabeza de lista da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, e Joseba Permach, responsábel da área socioeconómica de SORTU, integrante de EH Bildu, para debater ao redor do TTIP.

Ademais da asemblea, celebrarase un encontro con representantes de organizacións sociais – cuxas conclusións se darán a coñecer na asemblea- e proxectarase un vídeo da CIG que bota luz sobre este tratado que a UE e os EUA tratan de agochar.

Esta xornada forma parte da primeira fase dunha campaña de explicación social que está a pór en marcha o Bloque para explicar e alertar dos riscos e do impacto brutal da aplicación deste tratado económico no pobo galego. Nunha segunda fase, o Bloque buscará a oposición e a mobilización social, co fin de parar un tratado con consecuencias absolutamente brutais para o pobo galego e, nomeadamente, para as clases traballadoras, a parte do pobo que peor o está a pasar.

Non perdas este sábado o acto sobre o TTIP