Mentres non exixe o galego, o Sr. Negreira obrígalles @s conxerxes ter un alto nivel de inglés

Mentres non exixe o galego, o Sr. Negreira obrígalles @s conxerxes ter un alto nivel de inglés

A Coruña, 12 de abril de 2015.- B.2, First Certificate in English ou equivalente é o que exixe o Goberno do Sr. Negreira como requirimento específico de admisión para a contratación do persoal de conserxaría do centro cívico da Cidade Vella. Así, mentres non se lle require acreditar o coñecemento do galego, o persoal de conserxaría do edificio cultural Salvador de Madariaga ten que demostrar o dominio de inglés falado e escrito.

Máis unha vez, o Grupo Municipal do BNG denuncia o desprezo do Goberno do Sr. Negreira ao idioma propio do país, así como o incumprimento sistemático da cativa lexislación lingüística vixente. As nacionalistas xa alertaron do posicionamento contrario do Sr. Negreira á lingua galega nada máis acceder ao goberno. Aluden, ao respecto, ás declaracións da concelleira de Cultura, cando sinalou que os actos culturais que se programaban na cidade eran “demasiado gallegos” e cando defendía que a cultura “debe estar en un idioma que entiendas”.

A aversión do Goberno do Sr. Negreira ao galego tamén se reflicte nas ordenanzas municipais, redactadas maioritariamente en castelán ou con numerosos e graves erros en galego (froito da tradución automática). O mesmo acontece coa páxina web municipal, que impide o acceso en lingua galega a boa parte dos seus contidos, documentos e servizos e cuxa versión en galego está ateigada de textos, vocabulario e expresións en español.

O Grupo Municipal do BNG, que en 2013 lle entregou un compendio de lexislación en materia lingüística ao Sr. Negreira para que deixase de vetar o galego, lémbralle ao Goberno local que no Concello da Coruña existe funcionariado con capacitación acreditada en linguaxe administrativa e mesmo persoal técnico de Normalización Lingüística que pode desenvolver este necesario labor para a dignificación e difusión do galego desde a Administración local.

Mentres non exixe o galego, o Sr. Negreira obrígalles @s conxerxes ter un alto nivel de inglés