Jorquera esíxelle ao PP que modifique, de inmediato, a lei da quita ás preferentes

Jorquera esíxelle ao PP que modifique, de inmediato, a lei da quita ás preferentes

A Coruña, 13 de maio de 2013.- O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, acompañado das concelleiras María Xosé Bravo e Avia Veira, reuniuse esta mañá coas persoas estafadas pola fraude masiva das participacións preferentes que permanecen pechadas no Concello da Coruña. Jorquera, que escoitou de primeira man as demandas das persoas estafadas, púxose a disposición destas para que o BNG siga actuando nas intitucións nas que conta con representación para esixir unha solución xusta ás miles e miles de pequenos aforradores con preferentes.

En declaracións aos medios despois da reunión, o portavoz do BNG no Parlamento de Galiza puxo de manifesto que “a única solución xusta pasa pola devolución íntegra, e en líquido, dos cartos que estas persoas meteron nas preferentes froito do engano, porque nunca foron informadas de que estaban a facer un investimento nun produto financeiro complexo”. “Por iso, o BNG está demandando, con insistencia, que se modifique a Lei 9/2012 que legaliza a quita aos pequenos aforradores”, sinalou. Precisamente, as nacionalistas levaron ao Congreso dos Deputados e ao Parlamento de Galiza unha proposición de modificación desta lei.

Ademais de reclamar a modificación da normativa que permite a quita, Jorquera reivindicou, como vén demandando o BNG, que a Xunta de Galiza preste cobertura política e xurídica ás persoas afectadas e que o Goberno galego recorra o acordo do FROB que estabelece a quita.

O PP utilizou a arbitraxe antes das eleccións galegas para crear expectativas de solución

O portavoz do BNG no Parlamento de Galiza cargou contra o Partido Popular por utilizar a arbitraxe antes das eleccións galegas para crear expectativas de solución ao problema e para intentar que non houbese ningún conflito. “Unha vez pasadas as eleccións a arbitraxe está practicamente paralizada”, advertiu. Por iso, reclamou transparencia e non discriminación coas arbitraxes.

Nesta liña, Jorquera esixiulle ao Partido Popular que non xogue as apariencias. Así, lembrou que no Parlamento de Galiza houbo un acordo unánime de todos os deputados e deputadas manifestándose en contra da lei que estabelece a quita. Porén, ao mesmo tempo, os deputados galegos do PP no Congreso dos Deputados, entre os que se atopa o número 5 da lista do Sr. Negreira ás eleccións municipais e ex concelleiro, Juan De Dios Ruano, ou o número 1 do PP ás eleccións xerais, Antonio Erias, votaban a favor da lei que permite as quitas.

O portavoz parlamentar do BNG salientou que “se de verdade o Partido Popular quere unha solución rápida á fraude das preferentes, ten que modificar, de xeito inmediato, a lei que permite a quita e que pretende que os cartos das persoas estafadas sexan destinados a recapitalizar os bancos que as defraudaron”. Engadiu que o Sr. Feijóo debe recorrer esta lei, por ser manifestamente anticonstitucional e por invadir competencias de Galiza.

Jorquera esíxelle ao PP que modifique, de inmediato, a lei da quita ás preferentes