A instancias do BNG, o Pleno apoia solicitar o asilo político para o saharauí Hasanna Aalia

A instancias do BNG, o Pleno apoia solicitar o asilo político para o saharauí Hasanna Aalia

plenoA Coruña, 9 de febreiro de 2015- O Pleno da Corporación deulle luz verde á moción do Grupo Municipal do BNG para a concesión de asilo político ao activista saharauí Hasanna Aalia. Así o Pleno acordou instar o Goberno galego para que este se dirixa ao Goberno español para lle exixir que, en virtude da lexislación española e do compromiso do noso país co respecto aos Dereitos Humanos, lle conceda o asilo político a Hasanna Aalia, defensor do dereito de autodeterminación do pobo saharauí recoñecido pola lexislación internacional, dado que o seu retorno ao Sáhara Occidental supón un risco real para a súa integridade física. En virtude da moción do Bloque, o Pleno aprobou remitir de forma inmediata esta solicitude ao Ministerio do Interior, reclamando, ao tempo, a suspensión inmediata da orde de abandono do Estado español.

As outras dúas mocións presentadas polas nacionalistas –para a adhesión do Concello da Coruña á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para devolverlle ao pobo a figura de Castelao e para que a tributación das pensións de emigrantes retornados sexa xusta e igualitaria- nin sequera se debateron, pois os concelleiros e concelleiras do Partido Popular tombaron o debate.

Preguntas orais: Someso, exclusión de crianzas con diversidade funcional e solicitude de terrazas

Na quenda das preguntas orais, o Goberno do Sr. Negreira volveu negarse a revisar de oficio os actos e acordos nulos de pleno dereito relativos ao sector S-7 de Someso en resposta á interpelación formulada polo portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril. O nacionalista presentou a pregunta oral para saber se o Goberno do Sr. Negreira tiña previsto revisar de oficio estes actos e acordos despois de coñecer que o Tribunal de Cuentas, a instancias da denuncia do BNG, decidira continuar co procedemento de responsabilidade contábel. A resposta do Goberno municipal amosa, máis unha vez, a pasividade cómplice do Sr. Negreira e Fontenla.

O portavoz nacionalista volveu lembrar en sede plenaria que o Tribunal de Cuentas ten reparado na necesidade de revisar de oficio os acordos das Xuntas de Goberno Local de 29 de outubro de 2004, 30 de setembro de 2005 e 3 de febreiro de 2006 para determinar responsabilidades contábeis, dado que estes actos e acordos seguen tendo plena validez xurídica.

No que atinxe á pregunta relativa á exclusión das crianzas con diversidade funcional dos campamentos e actividades de lecer organizadas pola Concellaría de Cultura, a concelleira María Xosé Bravo salientou que foi o Goberno do PP quen, a partir de 2013, comezou a introducir no material de inscrición das actividades ofertadas e nos campamentos a seguinte frase “Estas actividades no cuentan con profesionales de apoyo para niños con necesidades educativas específicas”.

A edila nacionalista cualificou de “miserábel” a exclusión e marxinación á que o goberno do Partido Popular somete as crianzas con diversidade funcional nas actividades de lecer e nos campamentos organizados pola Concellaría de Cultura, algo que, insistiu, comezou a acontecer en 2013. María Xosé Bravo sinalou, ante a edila de Cultura, que o Bloque irá a onde faga falta para acabar con esta situación tan inxusta.

Por último, en relación coa pregunta pola edila Avia Veira sobre os mecanimos postos en marcha polo Goberno local para responder as solicitudes de terrazas amoreadas nas dependencias municipais, a concelleira Begoña Freire admitiu a privatización do servizo de tramitación das solicitudes para a instalación de terrazas en espazo público, tal e como denunciara xa o Bloque. A concelleira nacionalista criticou o PP por “sacar da manga” un contrato sen publicidade para que unha empresa privada exerza un traballo que lle corresponde aos servizos municipais.

Avia Veira, que foi moi crítica coa vaga privatizadora do Partido Popular no Concello da Coruña, tamén lle preguntou á concelleira do PP se algunha das terrazas que están pendentes de tramitación e cuxas solicitudes foron presentadas en 2014 están a funcionar a día de hoxe. O Goberno do Sr. Negreira eludiu responder.

A instancias do BNG, o Pleno apoia solicitar o asilo político para o saharauí Hasanna Aalia