O Goberno municipal debería alegrarse de que o Tribunal de Cuentas vaia investigar o caso Someso

O Goberno municipal debería alegrarse de que o Tribunal de Cuentas vaia investigar o caso Someso

A Coruña, 22 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG considera que o Goberno do Sr. Negreira, no lugar de criticar con tanta vehemencia ao BNG, debería alegrarse de que o Tribunal de Cuentas vaia investigar a instancias da formación nacionalista as irregularidades de Someso de cara a determinar se hai ou non responsabilidade contábel. Que se limite a cargar contra o BNG e non se alegre de que o Tribunal de Cuentas vaia investigar pon de manifesto que o Goberno municipal está incómodo e molesto, primeiro, porque quedou en evidencia coa súa estratexia do "fai que fai" para non amolar aos principais responsábeis das irregularidades de Someso e, segundo, porque precisamente van ser investigados Paco Vázquez e Fontela, que son os principais responsábeis.

Mentres pensa que vai facer en relación co Tribunal de Cuentas, o Goberno municipal debería atender, de inmediato, a solicitude rexistrada polo BNG o 8 de febreiro de 2013 (solicitude que non foi aínda contestada e da que xa pasaron os tres meses establecidos legalmente para iso) e proceder á revisión de oficio de todos os actos e acordos ilegais de Someso, máxime cando o propio Goberno do Sr. Negreira recoñece estes actos e acordos ilegais no informe municipal de 15 de xuño de 2012.

Non se trata de ameaza ningunha, senón de advertir de que negarse a actuar tendo coñecemento destas ilegalidades podería supor o que desde o punto de vista legal se denomina prevaricación omisiva

O Goberno municipal está obrigado a revisar de oficio os acordos, xa que hai un informe municipal de 15 de xuño de 2012 que pon de manifesto que existe todo un conxunto de infraccións do ordenamento xurídico que determinan a nulidade de pleno dereito de actos e acordos municipais sobre o sector S-7 de Someso. Infracción e ilegalidades que evidencian unha omisión total e absoluta do procedemento legalmente establecido (respecto da enaxenación de bens e dereitos municipais) e atribución á Xunta de Compensación e propietarios particulares de aproveitamento urbanístico sen contar cos requisitos legais para a súa adquisición. Procede, sinalan os nacionalistas, a revisión de oficio dos acordos da Xunta de Goberno Local de 29/10/2004 (de autorización á Xunta de Compensación para que se incluíse no Proxecto de Compensación a enaxenación directa dos bens e dereitos municipais), de 30/09/2005 (de aprobación definitiva do Proxecto de Compensación) e de 03/02/2006 (de corrección de erros do dito Proxecto).

"Non é unha potestade discrecional do Goberno local revisar ou non estes actos que son nulos de pleno dereito. É unha obriga legal de inescusábel cumprimento”, subliñan os nacionalistas. Cómpre lembrar que o Concello da Coruña está obrigado legalmente a revisar aqueles actos administrativos que son nulos de pleno dereito e a proceder contra aqueles promotores que aportaron como propios bens que eran do Concello da Coruña.

O BNG advirte que de non proceder a revisión de oficio solicitada polo BNG, o Goberno local podería estar incorrendo penalmente nunha prevaricación omisiva.

O Goberno municipal debería alegrarse de que o Tribunal de Cuentas vaia investigar o caso Someso