O Goberno municipal aínda non lle contestou ao BNG sobre a revisión de oficio dos actos de Someso

O Goberno municipal aínda non lle contestou ao BNG sobre a revisión de oficio dos actos de Someso

A Coruña, 21 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que, pasados máis de cinco meses, o Goberno do Sr. Negreira aínda non respondeu á solicitude presentada polas nacionalistas por rexistro o 8 de febreiro de 2013 de revisión de oficio, por causas de nulidade de pleno dereito, dos acordos e actos administrativos relativos ao Sector S7 de Someso. E isto, a pesar de que o Goberno do Sr. Negreira recoñece no informe municipal de 15 de xuño de 2012 que existe toda unha serie de infraccións do ordenamento xurídico que determinan a nulidade de pleno dereito destes actos e acordos.

No escrito rexistrado o 8 de febreiro de 2013, o Grupo Municipal do BNG advertíalle ao alcalde de que a revisión destes actos e acordos nulos de pleno dereito non é unha potestade, senón un mandato legalmente imperativo, tal e como recolle o art. 102 da Lei 30/1992, de Réxime xurídico das Administracións Públicas. Por iso, as nacionalistas insisten en que o Concello da Coruña está obrigado legalmente a revisar de oficio o acordo da Xunta de Goberno Local de 29.10.2004, de autorización á Xunta de Compensación do S-7 Recinto Feiral para materializar en metálico o aproveitamento municipal de cesión obrigatoria, así como o correspondente ao Concello como propietario de parcelas no ámbito; o acordo da XGL de 20.09.2005, de aprobación definitiva do Proxecto de Compensación do S-7 Someso, e o acordo da XGL de 03.02.2006, de subsanación de erros do Proxecto de Compensación do S-7 de Someso.

O Grupo Municipal do BNG xa lle indicaba ao alcalde no escrito de 8 de febreiro de 2013 que de non revisar de oficio os citados acordos e actos administrativos, o alcalde podería estar incorrendo nunha prevaricación omisiva, máxime cando o informe municipal de 15 de xuño de 2012 recolle como irregulares as actuacións administrativas sinaladas. Diante da constancia de acordos e actos municipais nulos depleno dereito, o Goberno municipal non pode ficar pasivo.

O Goberno municipal non debería esperar máis, máxime tendo en conta que o Tribunal de Cuentas vai investigar o caso Someso

O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o Goberno do Sr. Negreira non debería esperar máis para revisar de oficio os citados actos e acordos, máxime cando o Tribunal de Cuentas vai investigar as ilegalidades cometidas en Someso.

As nacionalistas sinalan que pasados tres meses o silencio administrativo dá a entender que o Goberno municipal non quere revisar de oficio os actos e acordos ilegais, o que abre a vía para que se poida acudir aos tribunais.

O Goberno municipal aínda non lle contestou ao BNG sobre a revisión de oficio dos actos de Someso