O Goberno local só é quen de executar o 65% dos cartos do talón restaurante

O Goberno local só é quen de executar o 65% dos cartos do talón restaurante

sopaA Coruña, 2 de xaneiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno do Sr. Negreira só sexa capaz de executar o 65% dos investimentos da partida relativa ao programa do talón restaurante, tal e como recoñece o informe que acompaña a documentación relativa ao expediente aprobado na última Xunta de Goberno Local. Este informe admite que de xaneiro a outubro de 2014 tan só se executaron 293.784,48€ do orzamento anual. Así, se en nove meses se gastaron 293.784,48€ significa que dos 600.000 euros inicialmente orzados para 2014 o Goberno do Sr. Negreira deixará sen gastar un total de 208.288€, cantidade que representa o 35% do total.

As nacionalistas ven a causa da incapacidade do Goberno do Sr. Negreira para executar o orzamento inicial na maquillaxe das contas municipais. De feito, o Goberno do Sr. Negreira viuse na obriga de diminuír en 80.000 euros a partida do talón restaurante no derradeiro modificativo de crédito do ano, aprobado de maneira definitiva só cos votos do PP na sesión plenaria de novembro. A teima do Partido Popular por inflar determinadas partidas orzamentarias por pura propaganda, para alardear de orzamentos “sociais”, ratifícase nas contas de 2015, onde mantén os 600.000€ para este programa malia que non dá executado os cartos e, á vez, rexeita a emenda do Bloque para aumentar a 850.000€ os cartos destinados á emerxencia social.

O Bloque tamén ve a causa da falta de execución da partida relativa ao programa do talón restaurante nas dificultades que atravesan as persoas maiores, que contan a día de hoxe con menos recursos que hai tres anos. A este respecto o BNG lembra que non soben as pensións, que as persoas maiores teñen que pagar os medicamentos e o Servizo de Axuda a Domicilio e que, en moitos casos, son o sontén da familia, dado o desemprego e os postos de traballos precarios que non dan para chegar a fin de mes. Neste contexto, á xente maior que podería contar co programa do talón restaurante fáiselle difícil pagar os 3,56€ que lles custa, cada día, o menú.

O BNG presenta unha serie de preguntas para a resposta escrita co fin de coñecer a opinión do Goberno do Sr. Negreira

Por todo o anterior, o Grupo Municipal do BNG presentou na mañá de hoxe unha serie de preguntas para a resposta escrita co fin de saber que fallou na programación despois de orzar inicialmente 600.000€ para financiar o talón restaurante no 2014 e logo de executarse só o 65%. Tamén preguntan as nacionalistas se non será que as dificultades importantísimas do pobo fan que unha medida como esta, onde cada persoa paga case o 50% do custo do xantar, xa tocou teito. Por último, o BNG interésase polos motivos que levaron o Goberno local a orzar coa mesma cantidade, 600.000€, o programa nos orzamentos de 2015.

O Goberno local só é quen de executar o 65% dos cartos do talón restaurante