O Goberno local recada máis en multas de tráfico que coa taxa das terrazas

O Goberno local recada máis en multas de tráfico que coa taxa das terrazas

A Coruña, 28 de marzo de 2015.- O Grupo Municipal do BNG sinala que máis da metade dos 4,27 millóns de euros de ingresos a maiores dos previstos no capítulo III (taxas, prezos públicos e outros ingresos) proceden das multas de tráfico.

A liquidación orzamentaria de 2014 recolle que no capítulo III de ingresos houbo un total de dereitos recoñecidos netos por valor de 55.536.559,78 euros cando a previsión orzamentaria era de 51.262.359,84, obténdose así 4,27 millóns de euros máis de ingresos dos previstos no orzamento municipal. Destes 4,27 millóns de euros, sinala o BNG, máis da metade (2,4 millóns de euros) proceden das multas de circulación, pois os dereitos recoñecidos netos por este concepto que obtivo o Concello da Coruña en 2014 foron de 5.491.415,75 euros, cando tiña orzado ingresar 3 millóns de euros.

Estes resultados, salientan as nacionalistas, contrasta cos ingresos da taxa por ocupación da vía pública con terrazas que a 31 de decembro tan só se recaudaron 26.819,18 euros duns dereitos recoñecidos netos de 163.928,19 euros. Estas cifras das taxas de terrazas, alén de pór de manifesto a pésima xestión administrativa do Goberno Local, pon de relevo que o Goberno do Sr. Negreira consinte que pola ocupación do espazo público por terrazas (sen termos en conta aquelas que están a ocupar ilegalmente este espazo) nin se pague, nin se cobre.

A consideración do diñeiro público en emprego e comercio como un gasto que hai que aforrar, e non como un investimento, dada a inexecución da totalidade das partida

A liquidación orzamentaria 2014 tamén desprende que o Goberno Local considera o diñeiro público en emprego e dinamización comercial como un gasto que hai que aforrar, e non como un investimento. Así, máis un ano, o Goberno Local volve a deixar sen executar cáseque metade do orzamento previsto para o plan de dinamización do comercio local. En concreto deixa sen gastar máis de 445 mil euros (dos 937.944,50 euros orzados) cando a situación do comercio nos distintos barrios da cidade é realmente complicada tras as políticas aplicadas nestes últimos anos polas distintas administracións gobernadas polo Partido Popular.

Tamén salienta na liquidación o executado en materia de formación para o emprego, máxime cando na cidade hai máis de 22 mil persoas que procuran desesperadamente un posto de traballo. E é que se deixou sen executar o 60% do importe orzado para os cursos de formación para o emprego (non se gastaron máis de 600 mil euros de 1.003.761,63 euros que estaba orzado).

O Goberno local recada máis en multas de tráfico que coa taxa das terrazas