O Goberno galego e o central terán que dar explicacións sobre o anuncio de despido en Alcoa

O Goberno galego e o central terán que dar explicacións sobre o anuncio de despido en Alcoa

A Coruña, 7 decembro de 2014- A instancias do Grupo Municipal do BNG da Coruña, a formación nacionalista presentou tanto no Parlamento de Galiza como no Congreso unha batería de iniciativas nas que pide a adopción de medidas ante o anuncio de despedimento colectivo na planta que Alcoa posúe na Coruña. Deste xeito, o Goberno galego e mais o español terán que dar explicacións en sede parlamentar pola poxa da enerxía para as industrias e o sistema de interrumpibilidade.

Así, Francisco Jorquera, portavoz parlamentar do BNG, rexistrou unha pregunta oral para a súa resposta en pleno e en comisión, unha interpelación e unha batería de preguntas escritas co fin de coñecer a postura do Goberno galego ante o anuncio da Dirección de Alcoa, as actuacións desenvoltas polas consellarías implicadas (Traballo e Benestar e Economía e Industria) e as accións que prevé desenvolver a Xunta de Galiza para conservar os postos de traballo.

Pola outra banda, a deputada Rosana Pérez presentou no Congreso dos Deputados unha solicitude de comparecencia do ministro de Industria para que informe sobre os procesos de poxas realizados logo da implantación do sistema de interrumpibilidade e as consecuencias para a industria galega, nomeadamente para Alcoa e Megasa (Narón). Ademais, a parlamentar presentou unha serie de preguntas escritas nas que reclama a retirada do sistema de interrumpibilidade e a volta ao sistema anterior, despois de que na última poxa, que tivo lugar na última semana de novembro, Alcoa non lograra ningún lote de megavatios con incentivos.

O BNG advirte de que a falta duns prezos de referencia e o feito de ter que ir a unha poxa anual “ás cegas” provoca que se descoñezan os prezos acadados por outros posíbeis competidores e favorece que empresas do mesmo sector produtivo conten con prezos diferentes de electricidade.

O BNG reivindica unha tarifa eléctrica propia para Galiza

O BNG aposta por ir alén da retirada do sistema de interrumpibilidade e reivindica unha reformulación de todo o sistema eléctrico que permita unha tarifa propia para Galiza, territorio netamente produtor. O noso país, salientan as nacionalistas, é exportador de enerxía e a pesar de soportar os custes sociais e ambientais pola explotación dos seus recursos naturais non recibe ningún tipo de compensación a cambio.

Os últimos datos publicados polo Goberno central sobre o Sistema Eléctrico Español e ao balance de enerxía eléctrica por comunidades autónomas revelan que Galiza exporta un 40% da enerxía e que é das que menos consumen. Por iso, o BNG pon de manifesto que a solución pasa, necesariamente, por unha política tarifaria propia.

O Goberno galego e o central terán que dar explicacións sobre o anuncio de despido en Alcoa