O Foro Galego de Inmigración, a Asociación Sen Papeis e o BNG denuncian o acoso do PP @s inmigrantes

Peter explica a agresión do axente da policía
O Foro Galego de Inmigración, a Asociación Sen Papeis e o BNG denuncian o acoso do PP @s inmigrantes

A Coruña, 12 de xuño de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira reuniuse esta mañá co responsábel do Foro Galego de Inmigración, Miguel Fernández, e co representante da Asociación Sen Papeis da Coruña, Nicanor Alonso, para tratar a problemática do asedio do Goberno municipal ao colectivo de inmigrantes que se dedican á venda ambulante, algúns dos cales tamén participaron nesta xuntanza.

En declaracións aos medios de comunicación tras finalizar o encontro, a concelleira do BNG cualificou o Goberno municipal de “desalmado” e de “inhumano” e acusouno de “presumir de facer recaer o peso da lei sobre o colectivo de persoas que se dedican á venda ambulante, en vez de solucionar os problemas de inclusión social das persoas inmigrantes!”. “O PP está a converter un problema social nunha cuestión policial”, denunciou Avia Veira, quen lembrou que “os Servizos Sociais do Concello son os que teñen que resolver a inclusión social, non se trata de tirar de policía para perseguir e amedrentar os inmigrantes que se dedican á venda ambulante”.

O Foro Galego de Inmigración, a Asociación Sen Papeis e o colectivo de nixerianos denuncian agresión da policía local

Tamén interveu na rolda de prensa Peter, o nixeriano que denunciou ser agredido por un axente da policía local que ía vestido de paisano. Segundo sinalou Peter, este axente incautoulle os panos de papel e mais os caramelos que estaba a vender o pasado xoves, 6 de xuño, na rúa Galileo Galilei, perto do centro comercial Marineda City.

Ao día seguinte, segundo o testemuño de Peter, a policía apareceu cando el se atopaba de pé, na beirarrúa de Galileo Galilei, sen vender ningún material. Foi nese momento cando, tal e como conta Peter, o mesmo axente do día anterir requisou o seu documento de identidade e a mochila que portaba e agrediuno. Despois de ser trasladado á comisaría da policía nacional, Peter acudiu ao Punto de Atención Continuada (PAC) da Casa do Mar para ser atendido das doenzas provocadas pola agresión. De feito, conta cun parte de lesións que será achegado cando formule a pertinente denuncia contra o axente da policía local que o golpeou.

As palabras de Peter foron corroboradas polo Foro Galego de Inmigración e pola Asociación Sen Papeis da Coruña, que afirmaron que non é a primeira vez que ocorre unha agresión. Miguel Fernández, responsábel do Foro, criticou, duramente, o proceder da policía local, cuxo axente actuou vestido de paisano, “en primeiro lugar, o policía, sen se identificar, prende a Peter e máis tarde dille que é un axente, como se se estivese perseguindo perigosas mafias, e, ao día seguinte, o mesmo policía identifica e actúa contra Peter cando este non estaba vendendo, o que invalida calquera acción”.

Os axentes de policía son funcionarios, a culpa é do Goberno municipal, que obriga a amedrentar e a perseguir os inmigrantes, e isto é racismo

Na mesma liña, o responsábel do Foro Galego de Inmigración acusou o Goberno do Sr. Negreira de ser un goberno racista. “A actitude da policía local coas persoas que venden panos de papel e caramelos na rúa é intolerábel e o problema non son os policías, que son funcionarios, senón un concelleiro de Seguridade Cidadá que envía a policía a acosar e a amedrentar estas persoas”, sinalou, “e isto ten un nome: racismo”, salientou.

Miguel Fernández concluíu apuntando que “como son negros, bótanlles a man enriba, aínda estando de paisano, e non pasa nada, con outras persoas non se atreven”.

O Foro Galego de Inmigración, a Asociación Sen Papeis e o BNG denuncian o acoso do PP @s inmigrantes