Emvsa terá que asumir con toda probabilidade a conservación e mantemento do viario do Oncolóxico

Emvsa terá que asumir con toda probabilidade a conservación e mantemento do viario do Oncolóxico

A Coruña, 21 de setembro de 2013.- O Grupo municipal do BNG sinala que tras o acordo da Xunta de Goberno local no día de onte de encomendar a EMVSA os traballos de estudo, promoción, construción e explotación dun aparcadoiro nas inmediacións do Centro Oncolóxico de Galiza (concretamente nunha parcela que forma parte da estrada estatal AC-12), EMVSA non só terá que construír este aparcadoiro asumindo o cento por cento de todos os gastos de construción e explotación, senón que ademais terá que asumir con toda a probabilidade os custes de conservación e mantemento do viario.

E é que tal e como figura no prego de cláusulas regulador da concesión administrativa a favor de EMVSA “La presente concesión administrativa tiene por objeto la ocupación en subsuelo, suelo y vuelo”. Por tanto, sinalan as nacionalistas, dos pregos parece desprenderse que EMVSA terá que asumir o custe de conservación e mantemento do viario.

O Bloque Nacionalista Galego lembra que o sr. Negreira asinou o 5 de setembro co Ministerio de Fomento a cesión ao Concello da Coruña do tramo da estrada AC-12 sen contraprestación económica para a conservación do viario á que tiña dereito por parte do Ministerio, unha contraprestación que o Estado lle tiña que dar ao Concello da Coruña como recolle a Orde ministerial de 23 de xullo de 2001. Razón esta pola que o BNG se abstivo no pasado pleno de 11 de xullo á cesión xa que o concello asumía custes que non lle correspondía.

Así, con este acordo de cesión, o Goberno municipal non só renunciou á contraprestación económica estabelecida legalmente na orde ministerial, senón que asumiu os custes económicos do mantemento e conservación do viario que non lle correspondían. E co acordo da Xunta de Goberno Local de onte eses gastos pásallos a unha empresa municipal, EMVSA, á que malia a súa delicada situación económica, como advirte a súa memoria de xestión na que sinala que precisa de financiamento adicional para facer as obras que lle está a encargar o Goberno local, encoméndalle non só a construción do aparcadoiro, senón o mantemento e conservación do viario.

Emvsa terá que asumir con toda probabilidade a conservación e mantemento do viario do Oncolóxico