Emprego xuvenil, mercados municipais e festas nos barrios: preguntas orais en xullo

Manifestación da mocidade por un emprego digno e de calidade
Emprego xuvenil, mercados municipais e festas nos barrios: preguntas orais en xullo

Hoxe á mañá vimos de rexistrar as que serán as nosas preguntas para resposta oral para o vindeiro Pleno que se celebrará a semana que ven.

Preguntaremos no vindeiro Pleno sobre que medidas impulsou o Goberno municipal para poñer en marcha un Plan de Emprego Xuvenil

Concentración de mozas e mozos demandando un emprego digno

Así, preguntaremos sobre que medidas impulsou o Goberno Municipal para poñer en marcha un Plan de Emprego Xuvenil. Hai que lembrar que no Pleno de febreiro deste ano foi aprobada, grazas a iniciativa nosa e por unanimidade, unha moción na que, entre outros acordos, se instaba a elaborar un Plan de Emprego Xuvenil específico destinado á mocidade que recollera a creación dunha rede municipal de empregabilidade para xente moza, a creación, en colaboración coa UdC, de bolsas destinadas a tituladas e titulados superiores para executar proxectos de especialización, exportación e innovación da economía local ou o apoio a proxectos emprendedores de xente moza dándolle cabida nos viveiros de emprego xestionados polo Concello mais tamén a través do acompañamento do desenvolvemento desde o inicio.

Desde que se aprobou esta iniciativa non temos constancia de que o Goberno municipal realizara ningunha actuación neste sentido polo que queremos que se nos aclare porque non se está a realizar ningunha actuación en materia de emprego xuvenil.

Tamén preguntamos se se ten pensado por en marcha o Plan de Dinamización dos Mercados Municipais en cumprimento coa moción aprobada en Pleno

Por outra banda, tamén trasladararemos á sesión do próximo luns outra das nosas iniciativas que se aprobou por unanimidade en Pleno pero que nada se sabe do seu desenvolvemento, neste caso, sobre a elaboración dun Plano de Dinamización dos Mercados Municipais.

Exterior do mercado de Santa Lucía

Na moción que presentamos en decembro do ano pasado, instábase a elaborar, no prazo máximo de seis meses, un Plan de dinamización dos mercados municipais, consensuado coas praceiras e os praceiros, con accións de revitalización transversais incluíndo, entre outras, a actualización das súas infraestruturas e dotacións, a implantación de consignas nos mercados municipais, a diversificación, a oferta de formación e a reciclaxe para as praceiras e os praceiros, o desenvolvemento de campañas periódicas para a promoción dos mercados, a posta en marcha de medidas que melloren a mobilidade dos mercados municipais para facilitar o acceso a eles a través de diferentes medios de transporte etc.

Xa pasaron os seis meses que se sinalaban na moción. E os mercados municipais seguen sen ter un Plan de Dinamización. É máis, neste período frustrouse a aprobación dunha nova ordenanza para os mercados, e parece como se desaparecera da folla de ruta do Executivo Local calquera actuación a respecto destes. Neste caso esixímoslle ao concelleiro de emprego e economía social, o Sr. Lema, que aclare se o Goberno municipal vai facer efectivos os acordos da moción, os prazos de actuación e, sobre todo, se vai a incluír ás praceiras e praceiros no proceso de modernización e dinamización dos mercados da cidade.

Finalmente, a última pregunta que presentamos para a súa resposta oral para o Pleno do vindeiro luns refírese a como ten pensado desenvolver este Goberno Municipal a xestión das festas nos barrios para este verán

Cartel das festas María Pita do ano 2015

Por último preguntamos polas festas deste ano nos barrios. E é que xa temos recibido as queixas de varias entidades sociais da cidade a respecto de como se están desenvolvendo as xestións para organizar as festas en barrios xa que logo aínda non se teñen pechado as actividades e a proposta lúdica.

Son varias as asociacións que nos teñen trasladado a súa preocupación sobre as actividades que se teñen pensado realizar nas festas do seu barrio. Neste sentido, a esta altura do ano xa deberían estar pechadas actuacións e programas xa que os grupos e empresas de eventos e espectáculos xa teñen a programación e calendario do verán traballada de meses atrás polo que é moi difícil poder contar con moitas delas. Dáse a circunstancia, ademais, que este ano o Goberno municipal non herdou unha programación dun mandato anterior, senón que tivo a posibilidade de planificar con tempo toda unha grella de actividades coa posibilidade de falar coas entidades sociais que sempre participaron das festas. E segundo estas mesmas entidades, esa interlocución non existiu, ou, no mellor dos casos, foi mínima e non se garantiu unha mínima concreción.

 

A Coruña, 27 de xuño de 2016

Emprego xuvenil, mercados municipais e festas nos barrios: preguntas orais en xullo