O déspota do Sr. Negreira responde as preguntas do BNG con falacias e enganos

O déspota do Sr. Negreira responde as preguntas do BNG con falacias e enganos

María Xosé Bravo 2A Coruña, 22 de xaneiro de 2014.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo critica o despotismo da Alcaldía á hora de responder ás preguntas escritas formuladas polo BNG. E é que as respostas están ateigadas de falacias, enganos, incorreccións e imprecisións. “A Alcaldía ataca a democracia ao mentirnos e ao impedirnos facer o traballo de control ao Goberno”, sinala Bravo, que lle esixe ao Sr. Negreira que asuma con responsabilidade o seu cargo público e atenda ao interese xeral do pobo e non ao sectarismo do Partido Popular.

A concelleira do BNG pon como exemplo desta actitude nada transparente nin democrática do Sr. Negreira a resposta á pregunta formulada pola nacionalista sobre o orzamento que o Concello da Coruña recibiu en 2013 da Xunta de Galiza para a compra de fondos bibliográficos destinados ás bibliotecas municipais. O Goberno municipal minte na resposta ao contestar que non consta ningunha transferencia da Xunta ao respecto nos últimos 8 anos.

Porén, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a Xunta de Galiza dotou nos últimos anos e segue a dotar o Concello de cartos para a compra de libros. Segundo puido saber a nacionalista, no 2010, o Concello recibiu 43.290 euros; no 2011, a Xunta non convocou estas axudas, no 2012; o Concello recibiu 20.000 euros e no 2013, 19.773 euros. En base a estes datos, o Bloque sinala que a contestación da Alcaldía ao BNG só responde ao intento do Sr. Negreira de ocultar o recorte do PP nestas axudas.

María Xosé Bravo pídelle ao Sr. Negreira que non permita que persoal escollido a dedo polo PP deixe nunha situación incomóda aos técnicos e técnicas dos distintos departamentos do Concello. Sinala que desde o departamento de bibliotecas nunca se daría unha resposta como a recibida.

O Goberno do Sr. Negreira non responde á pregunta sobre o Fondo de Vivenda Social

A concelleira do BNG tamén denuncia que a Alcaldía eludiu responder ás preguntas formuladas polo Bloque sobre o Fondo Social da Vivenda impulsado pola FEMP. Concretamente, o BNG preguntaba cantos informes realizaron os Servizos Sociais para familias desafiuzadas polos bancos adheridos ao convenio, cantas familias desafiuzadas na Coruña se acolleron ao convenio e sobre a avaliación que fai o Goberno municipal do convenio. Na contestación, o Goberno do Sr. Negreira limítase a dicir que se realizaron os informes requiridos e non contesta ao que lle pregunta o BNG.

O Goberno do Sr. Negreira méntelle ao BNG na resposta a unha pregunta sobre unha posíbel senda verde no oleoduto

Tamén pon como exemplo María Xosé Bravo a resposta que lle dá o Goberno do Partido Popular á iniciativa en que preguntaba se ten previsto construír unha senda verde nos terreos que ocupa o oleoduto. Na resposta (achégase a continuación deste parágrafo), a Alcaldía só alude ao convenio asinado entre a Autoruidade Portuaria e Repsol e nada di sobre a construción dunha posíbel senda verde. Porén, nada máis recibir as respostas ás preguntas escritas e a través dun decreto de Alcaldía, o BNG puido saber que o Goberno municipal contratou a elaboración dun estudo en relación á senda verde. Que o Sr. Negreira non citara na resposta á pregunta escrita a contratación deste estudo xa amosa a falta de respecto do Partido Popular pola Corporación Municipal da Coruña e pola cidadanía á que representa.

Podes consultar nesta ligazón as respostas do Goberno

O déspota do Sr. Negreira responde as preguntas do BNG con falacias e enganos