As contas da Xunta de Galiza renuncian á creación de emprego e á dinamización da economía

As contas da Xunta de Galiza renuncian á creación de emprego e á dinamización da economía

A ría de Burgo queda sen un céntimo nos orzamentos de 2015

A Coruña, 20 de outubro de 2014- Nunha primeira valoración, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o proxecto de orzamentos galegos para 2015 demostra que as contas da Xunta de Galiza renuncian á creación de emprego e á dinamización da economía na cidade da Coruña e na comarca. Mostra disto é a falta dunha partida concreta para o saneamento integral da ría do Burgo, que volve a quedar a 0 euros, e cuxa rexeneración viría acompañada de postos de traballo e de riqueza. Isto contrasta cos 2.000.000 de euros que Feijóo destina para O Parrote, unha actuación que non xera nin emprego nin riqueza. Deste xeito, o PP négalle á Coruña e a súa comarca a recuperación económica e a creación de postos de traballo.

Pola outra banda, o proxecto de orzamentos ratifica algo que xa denunciara o BNG: a demora nas obras de rehabilitación da fábrica de tabacos para a construción do edificio xudicial, para o que só se lle consignan 3.000.000 euros para o 2015 e coa previsión de destinar 5.024.438 euros en 2016. Deste xeito, a Xunta de Galiza destina ás actuacións no futuro edificio xudicial 8.945.780 euros menos do previsto nos orzamentos actualmente vixentes, os de 2014. Lembran as nacionalistas que as contas da Xunta para 2014 consignaran 3.500.000 euros para as obras na fábrica de tabacos e recollían unha previsión de investimento para 2015 de 11.945.780 euros e de 4.157.783 euros para 2016.

Ademais, as nacionalistas reproban as ridículas e repetidas partidas que se perpetúan nos orzamentos da Xunta de Galiza cada ano, demostrando a nula aposta do Partido Popular pola mobilidade e polos medios de transporte públicos. As contas de 2015 están caracterizadas por teren consignadas varias partidas para estudos xenéricos de mobilidade de todo o país, sen concreción na Coruña nin na comarca. É o caso dos 30.000 euros do estudo para a actuación de apoio ao transporte público colectivo de toda Galiza; dos 31.200 euros do estudo para a asistencia ao Plan de Transporte Metropolitano de Galiza, de ámbito de actuación provincial; dos 37.551 euros do estudo da rede para a promoción e desenvolvemento do corredor ferroviario atlántico de mercadorías, tamén de ámbito galego; dos 50.000 euros do estudo para actuacións de mellora do transporte de mercadoría en toda Galiza ou dos 65.000 euros para estudos e campañas para a mellora da mobilidade de transporte metropolitano, cuxo ámbito de actuación tamén é todo o país.

As contas da Xunta de Galiza renuncian á creación de emprego e á dinamización da economía