Confirmada a discriminación dos Castros nos proxectos de eliminación de barreiras arquitectónicas

Confirmada a discriminación dos Castros nos proxectos de eliminación de barreiras arquitectónicas

A Coruña, 19 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno do Sr. Negreira vén de confirmar a discriminación do barrio dos Castros nos proxectos de eliminación de barreiras arquitectónicas actualmente en desenvolvemento. En resposta a unha pregunta escrita formulada para coñecer se o Goberno municipal vai instalar elementos que permitan salvar as barreiras arquitectónicas no barrio dos Castros, os responsábeis municipais confirman que, a medio prazo, non van acabar cos problemas de accesibilidade que sofre a veciñanza desta zona, unha das que ten a orografía máis complicada da Coruña.

As nacionalistas critican que na resposta o Goberno municipal venda como logros de eliminación de barreiras arquitectónicas proxectos cuxo eido de actuación se atopa lonxe dos Castros. Así, na resposta, o Goberno do Sr. Negreira saca peito do proxecto licitado de “mejora de accesibilidade en el distrito 1”, que ten como eido de actuación a Cidade Vella, parte do Campo da Leña, San Andrés, parte da Praza de Pontevedra, Juana de Vega, Praza de Mina, San Agustín, A Mariña, Os Cantóns e O Orzán, e do proxecto de “mejora de accesibilidad en el ámbito del programa Urbana C”, que ten como eido de actuación a Agra do Orzán.

Tamén presume o Goberno municipal do concurso de ideas convocado para a mellora da mobilidade en cinco puntos da cidade, que, paradoxalmente, ningún deles se atopa nos Castros: Maestro Clavé (Ensanche), Ramón Cabanillas con avenida de Arteixo (Os Mallos), Marqués de Cerralbo, Capitán Troncoso con Xeneral Alesón (Cidade Vella) e Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez (zona centro). E, por último, alardea o Goberno municipal do proxecto en licitación dunha escaleira mecánica na Rúa Praza (na contorna do Campo da Leña).

Chama a atención, advirten as nacionalistas, que na resposta á pregunta escrita, o Goberno do Sr. Negreira admite que os puntos citados polo BNG na iniciativa (rúa Pintor Villar Chao, rúa Laureano Mediante, nas galerías comerciais da Avenida de Oza á rúa Mercé e na Avenida dos Caídos) “efectivamente se trata de espacios donde la diferencia de cotas de las calles provocan una situación clara de falta de accesibilidad”. Esta observación e as máis de 650 sinaturas entregadas pola AVV Oza-A Gaiteira-Os Castros para mellorar a accesibilidade nestes puntos non parecen ser motivo suficiente para que o Goberno municipal elimine as barreiras arquitectónicas nos Castros a curto prazo.

Confirmada a discriminación dos Castros nos proxectos de eliminación de barreiras arquitectónicas