O Concello debe personarse como acusación particular contra Paco Vázquez no caso Someso

O Concello debe personarse como acusación particular contra Paco Vázquez no caso Someso

A Coruña, 25 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG afirma, logo de que o Xulgado de Instrucción número 3 da Coruña abrise dilixencias penais contra o exalcalde Francisco Vázquez por supostas irregularidades cometidas durante o seu mandato cos terreos de Someso, que se o Goberno local do Partido Popular ten interese en depurar todas as responsabilidades legais polas irregularidades evidenciadas no informe municipal elaborado para tales efectos debería de se presentar como acusación particular. E debe facelo especialmente despois de ter presentado un escrito no Ministerio Fiscal por entender que había indicios de delito, que foi rexeitado, lémbrese, por terse presentado incorrectamente do punto de vista legal (por non tipificar os delitos asociados e non concretar as persoas responsábeis).

 

O Goberno Local non pode limitar a súa actuación a remitir toda a documentación requerida polo Xulgado de Instrucción número 3 da Coruña, que é, como ben se sabe, unha obriga legal derivada do cumprimento do seu deber inexcusabel de colaborar coa Xustiza. Alegar para non personarse como acusación particular que «non convén facer xuizos precipitados» non casa para nada coas conclusións claras e contundentes do informe municipal a respecto das irregularidades cometidas en Someso, alén de poñer de manifesto de novo que o Goberno Local está máis interesado en protexer os intereses do exalcalde Francisco Vázquez e das grandes constructoras beneficiadas de tales irregularidades que en protexer os intereses xerais e patrimoniais da cidadanía e do Concello da Coruña como Administración Pública.

 

O BNG anuncia que presentará no Pleno do vindeiro día 6 de maio unha moción instando a que a Corporación Local acorde que o Concello da Coruña se persone como acusación particular contra Francisco Vázquez nesta causa.

 

 

O Concello debe personarse como acusación particular contra Paco Vázquez no caso Someso