A clave do caso Someso está na revisión de oficio dos actos e acordos administrativos

A clave do caso Someso está na revisión de oficio dos actos e acordos administrativos

A Coruña, 21 de marzo de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego volve reiterar que o transcendental no proceso de responsabilidade contábel no Tribunal de Cuentas está na revisión de oficio dos actos e acordos administrativos nulos de pleno dereito relativos ao sector S-7 Someso (sinaladamente os acordos e os actos nulos de pleno dereito da Xunta de Goberno Local de 29 de outubro de 2004 (de autorización á Xunta de Compensación para que se incluíse no Proxecto de Compensación a enaxenación directa dos bens e dereitos municipais), de 30 de setembro de 2005 (aprobación definitiva do Proxecto de Compensación) e de 3 de febreiro de 2006 (corrección de erros do Proxecto de Compensación).

E isto é algo que non está a facer o Goberno Local do Sr. Negreira, a pesar de llo ter pedido até en catro ocasións o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, sendo a última vez o pasado 12 de decembro de 2014, logo de terse coñecido a acta de liquidación provisional do Tribunal de Cuentas.

Esta revisión, salientan as nacionalistas, é o esencial até o extremo de que xa foi advertido mesmo polo Tribunal de Cuentas, cando afirma, en referencia aos acordos de Xunta de Goberno Local, entre outras cousas, que tal conxunto de acordos “non foi impugnado en vía contencioso-administrativa, polo que permaneceu inacatado, despregando todos os seus efectos xurídicos”, ou mesmo cando afirma o propio Tribunal de Cuentas, a través do instrutor da causa iniciada polo BNG, que “Este acordo da Xunta de Goberno Local constitúe a xuízo deste instrutor un elemento decisivo para despexar as hipotéticas responsabilidades contábeis”.

Malia a claridade contundente con que se expresou o instrutor na súa acta de liquidación provisional de día 9 de decembro de 2014 e malia llo ter solicitado até en catro ocasións o BNG, o Goberno Local segue sen revisar estes acordos e actos administrativos nulos de pleno dereito.

A clave do caso Someso está na revisión de oficio dos actos e acordos administrativos