Certifícase a submisión do alcalde ao seu partido, ao agasallar a Xunta coa fábrica de tabacos

Certifícase a submisión do alcalde ao seu partido, ao agasallar a Xunta coa fábrica de tabacos

A Coruña, 17 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que esta mañá, coa sinatura do convenio de cesión da fábrica de tabacos á Xunta de Galiza, un agasallo do patrimonio municipal, de forma indefinida e a cambio de nada, certifícase a submisión do alcalde da Coruña ao seu partido. As nacionalistas lamentan que o Sr. Negreira, en vez de defender os intereses da cidade, se axeonlle ante o conselleiro Rueda cando non saca compromiso ningún por parte da Xunta de Galiza. Lembra o BNG o pasotismo do Goberno galego no conflito laboral de Santa Bárbara, onde abandonou á súa sorte aos traballadores malia saber que a fábrica da Coruña era a única de todo o Estado que pecharía as súas portas.

Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o Goberno do Sr. Negreira trata do ocultar o atraso, de case un ano, nas obras da fábrica de tabacos con continuos anuncios, sinaturas de convenios e visitas de altos cargos da Xunta de Galiza á nosa cidade. O propio Goberno galego sinalaba, unha vez licitado o expediente de rehabilitación da fábrica de tabacos, que prevía comezar as obras no último trimestre do ano, é dicir, case un ano despois do anunciado polo Goberno municipal, quen anunciara o comezo das obras para xaneiro de 2013. Advirten, ademais, as nacionalistas, de que malia que as obras foron, finalmente, licitadas por 20 millóns de euros, a Xunta de Galiza tan só consignou 1 millón de euros para as obras nos orzamentos de 2013.

Certifícase a submisión do alcalde ao seu partido, ao agasallar a Xunta coa fábrica de tabacos