Castellano confirma o que vén denunciando o BNG: vai haber quitas na fraude das preferentes

Castellano confirma o que vén denunciando o BNG: vai haber quitas na fraude das preferentes

A Coruña, 23 de febreiro de 2013.- Nas últimas horas, o presidente executivo de NovaGaliciaBanco, o Sr. Castellano, comunicoulle ás persoas subscritoras de preferentes que a finais de marzo estas trocaríanse por accións da entidade financeira cunha quita do 50%. O Grupo Municipal do BNG xa advertira no pasado Pleno ordinario de febreiro de que era imprescindíbel modificar a norma que permite as quitas, que é a Lei 9/2012, de 14 de novembro, de reestruturación e resolución de entidades de crédito.

Precisamente, as concelleiras do BNG negáronse a apoiar a moción presentada nesta sesión plenaria polo PP porque non recollía a modificación da lei. Xa entón, o Grupo Municipal do BNG denunciara que a iniciativa presentada polo PP era un lavado de cara e que o Goberno municipal estaba a mentirlles ás persoas estafadas, ao lles asegurar que esta lei non lles afectaban aos particulares, senón só aos investidores.

Porén, esta norma di, claramente, tal e como lembrara o BNG en sesión plenaria, que os acredores, como son os titulares de preferentes, deben asumir os gastos de reestruturación das entidades de crédito, mesmo antes que os contribuíntes (a cidadanía a través de impostos). É por esta razón pola que deben asumir as quitas (perdas de valor) ou conversión obrigatoria (canxes) dos seus títulos.

As condicións que reclamaba o BNG en defensa das persoas afectadas polas preferentes e que o PP rexeitou

O Grupo Municipal do BNG, que foi o único que se negou a apoiar a moción de lavado de cara do Partido Popular, esixía dúas condicións para dar o seu voto a favor á iniciativa: en primeiro lugar, modificar a Lei 9/2012, de 14 de novembro, para que as persoas con preferentes ou débeda subordinada non estivesen afectadas polas quitas ou canxes obrigatorias previstos nesta norma. E, en segundo lugar, garantir que no primeiro trimestre de 2013 se lles devolvesen o 100% dos aforros ás persoas estafadas. E é que para o BNG a única solución posíbel pasa pola recuperación da totalidade dos aforros.

Ao non recoller o Partido Popular ningún dos dous requirimentos do BNG, as concelleiras nacionalistas non quixeron apoiar unha moción que non servía, como se está a comprobar, para defender os intereses lexítimos das persoas estafadas polas preferentes.

Co anuncio do Sr. Castellano de trocar as preferentes con accións da entidade cunha quita do 50% non só se evidencia que as denuncias do Grupo Municipal do BNG son certas, senón que tamén se evidencia que o Partido Popular mentiu.

Castellano confirma o que vén denunciando o BNG: vai haber quitas na fraude das preferentes