Carril: "O TTIP garantirá o dereito de pernada das multinacionais"

Carril: "O TTIP garantirá o dereito de pernada das multinacionais"

DSC_0045A Coruña, 23 de marzo de 2015- O Bloque Nacionalista Galego participou na mañá de hoxe, xunto á CIG, na concentración convocada contra o TTIP, o Tratado Transatlántico para o Libre Comercio e o Investimento, precisamente cando tiña lugar unha xornada sobre o tratado organizado na Deputación, claramente orientada a crear unha opinión favorábel. Entre as persoas que se concentraron ao pé do edificio da deputación –que locía nunha das súas fiestras unha pancarta que chamaba á soberanía- atopábanse o secretario nacional de Organización, Bieito Lobeira, o responsábel comarcal, Paulo Carballada, ou membros da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, encabezada polo propio Xosé Manuel Carril.

En declaracións aos medios, Carril puxo de manifesto que o TTIP “supón un dereito de pernada para as empresas multinacionais e implica o sometemento de Europa como un rancho máis dos Estados Unidos”. “A finalidade básica deste tratado negociado ás agachadas entre os EUA e a UE é, exclusivamente, eliminar as barreiras reguladoras que limitan os beneficios das grandes corporacións multinacionais”, advertiu o candidato nacionalista, quen explicou que o tratado pretende eliminar “as barreiras que protexen as nosas normativas de protección social, isto é, os nosos raquíticos dereitos laborais e de seguridade social; de seguridade alimentaria e de regulación sobre o uso de substancias químicas tóxicas; de protección do medio ambiente e dos nosos recursos naturais”.

Como exemplos, o cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas sinalou que “os mínimos dereitos das persoas traballadoras van ser rebaixados, dado que se van homologar ao sistema laboral dos Estados Unidos que, lembrou, non ratificaron os principais convenios relativos á protección dos traballadores e traballadoras coa Organización Internacional do Traballo (OIT)”. “O TTIP vai permitir que se engorden animais con hormonas, que se branqueen aves con cloro ou que se empreguen pesticidas ou sementes manipuladas xeneticamente sen etiquetaxe”, salientou Carril, quen alertou dos efectos prexudiciais deste tratado na pesca e agro galegos. En materia de medio ambiente, advertiu de que o TTIP lle dará luz verde a prácticas agresivas como o fracking.

Carril: O TTIP ábrelles o sector dos servizos públicos ás grandes multinacionais

DSC_0013Carril engadiu como finalidade do TTIP “abrirlles o sector dos servizos públicos e a contratación pública ás grandes corporacións, o que suporá unha nova xeira de privatizacións en ámbitos como a sanidade ou a educación”. Neste sentido, denunciou que haberá “barra libre para que as empresas multinacionais se fagan con servizos públicos”.

O número 1 do BNG-Asembleas Abertas advertiu, ademais, de que “calquera decisión soberana dos Estados á hora de tomar decisións que beneficien o pobo en detrimento das contas das empresas multinacionais pode implicar que estes Estados sexan denunciados ante Tribunais de arbitraxe que responderán aos intereses das corporacións”. “Fronte a todo isto, reivindicamos a soberanía, xa que desde a democracia e soberanía e a única maneira de parar o TTIP”, concluíu.

Seixo: O TTIP vai supor un recorte de dereitos e unha precarización das condicións de vida sen precedentes

Pola súa banda, o secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, apuntou que fronte aos pretendidos beneficios do tratado que se negocia entre a UE e os EEUU, este acordo vai supor “un recorte de dereitos e unha precarización das condicións de vida” sen precedentes.

Aínda que dende as institucións se pretenda “vender” como un acordo destinado a incrementar o número de empregos e favorecer o comercio entre a UE e EEUU, “os intereses que realmente sairán favorecidos serán os das multinacionais que controlan o comercio entre as dúas beiras do Atlántico”, sinalou.

 

Carril: "O TTIP garantirá o dereito de pernada das multinacionais"