Carril recolle propostas da veciñanza para mellorar Palavea

Carril recolle propostas da veciñanza para mellorar Palavea

PALAVEAA Coruña, 12 de marzo de 2015- Palavea foi a última parada da caravana de #TodasAsCoruñas, barrio que están a visitar na tarde de hoxe o portavoz do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, e membros da candidatura para recoller as propostas da veciñanza de cara a elaborar o programa electoral e para se reunir con representantes da asociación de veciños e veciñas.

En resumo, as propostas que o BNG-Asembleas Abertas incorporará no programa electoral encamíñase a devolverlle o barrio de Palavea á veciñanza, que hoxe en día carece de servizos axeitados no centro cívico até o punto de que o servizo de asistencia social pasou de funcionar cinco días á semana a dous. Así, ademais de mellorar os servizos ofrecidos no centro cívico municipal, o BNG incorporará no programa a apertura das instalacións do centro cívico ao tecido asociativo de Palavea e a dotación dun rexistro auxiliar. As nacionalistas tamén incluirán no programa a recuperación da oficina de Correos e a realización das xestións oportunas para a dotación de servizos médicos para o barrio.

PALAVEA 2O BNG-Asembleas Abertas tamén recolleu esta tarde a proposta para mellorar o servizo de autobús urbano co fin de que se incrementen as frecuencias e as liñas que chegan a Palavea e para que se adecuen as marquesiñas, unha das cales representa un grave problema para as persoas con mobilidade reducida. A ordenación do tráfico en Palavea, a mellora nos accesos ao barrio, beirarrúas e pasos de peóns e o asfaltado das rúas son outras das propostas que o BNG-Asembleas Abertas incorporará no programa, amais do aumento da frecuencia da limpeza e no mantemento dos xardíns e a revitalización do mercado municipal.

As nacionalistas tamén están a recoller propostas para dotar Palavea de educadores e educadoras de rúa que traballen coa mocidade do barrio e para a articulación dunha alternativa de lecer para mozos e mozas, así como para a posta en marcha de programas de inserción e asesoramento laboral para a veciñanza do barrio.

 

 

Carril recolle propostas da veciñanza para mellorar Palavea