Carril patea os lodos da ría do Burgo no novo vídeo de #TodasAsCoruñas

Unha escena do vídeo
Carril patea os lodos da ría do Burgo no novo vídeo de #TodasAsCoruñas

Unha escena do vídeo

A Coruña, 27 de marzo de 2015- O BNG-Asembleas Abertas vén de facer público, a través das redes sociais, un novo vídeo da campaña #TodasAsCoruñas. Desta vez, o candidato do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, autor do vídeo, patea os lodos da ría do Burgo para denunciar o seu lamentábel estado e para poñer de manifesto o potencial da ría. Deste xeito, Carril amosa a necesidade de recuperar este espazo de maneira integral e de planificar racionalmente os seus recursos.

O BNG-Asembleas Abertas fixo público o vídeo coincidindo coa vertedura de hidrocarburos que ten pechada a ría do Burgo ao marisqueo. Esta mañá, a concelleira e número 4 da candidatura, Avia Veira, acompañou o sector do marisqueo na concentración convocada diante da Casa do Mar para visibilizaren que seguen sen poder traballar e para pedirlle á Xunta de Galiza unha solución para detectar a procedencia da vertedura e para atallala.

Carril participou na concentración en apoio aos mariñeiros galegos que traballaron en Noruega

Pola outra banda, o propio Carril participou nunha concentración de apoio aos 12.000 traballadores do mar galegos que carecen de pensións malia teren traballado en barcos de pavillón de Noruega toda a súa vida. O portavoz nacionalista denunciou na mobilización que Noruega vulnera dereitos humanos coa súa negativa a darlles aos mariñeiros o que lles corresponde. Precisamente, o propio Carril, na súa condición de profesor de Dereito de Traballo e da Seguridade Social da UDC e de investigador, ten estudado a fondo a problemática.

Podedes ver o vídeo na ligazón https://www.youtube.com/watch?v=0_0PoB-5N3w e proximamente estará dispoñíbel na web www.todasascorunhas.gal

 

Carril patea os lodos da ría do Burgo no novo vídeo de #TodasAsCoruñas