Carril aposta pola comarcalización da auga e da depuración e pola rexeneración da zona de Bens

Carril aposta pola comarcalización da auga e da depuración e pola rexeneración da zona de Bens

A Coruña, 4 de febreiro de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, valorou positivamente o informe ao Pleno relativo ao proceso de posta en marcha da EDAR de Bens e propúxolle ao Goberno municipal a prestación mancomunada do servizo de depuración de augas residuais e da xestión integral do ciclo da auga e mais a rexeneración da zona de Bens e da ría do Burgo.

No que respecta á xestión mancomunada do servizo, Carril lamentou que sexa só Emalcsa quen xestione a EDAR de Bens sen que estean presentes os outros Concellos, Cambre, Culleredo, Arteixo e Oleiros. Explicou que a sociedade EDAR de Bens segue sendo ao cento por cento propiedade de Emalcsa e sinala que o resto dos Concellos non están presentes na xestión nin nos resultados. Así, puxo de manifesto que os estatutos de EDAR de Bens, constituída en abril de 2011, foron substancialmente modificados en setembro do mesmo ano, apenas tres meses despois de tomar posesión o Goberno municipal do PP e sinalou que o Concello da Coruña se reserva o 60% do Consello da sociedade, puidendo traspasarlle o 40% a Arteixo, Cambre, Culledero e Oleiros. Carril pediulle ao Goberno municipal explicacións sobre como están as negociacións con estes Concellos e o Goberno municipal asegurou que, cando menos, os Concellos gobernados polo PP se sumarían a xestión. E isto, malia non estar recollido no informe presentado aos Grupos Municipais.

No que ten a ver coa xestión integral do ciclo da auga, Carril apostou por unha axencia metropolitana para a xestión integral da auga que implique a captación, abastecemento e depuración en todos os concellos da comarca, tal e como xa recollía o BNG no programa co que concorreu ás eleccións municipais. Tamén propuxo que este modelo de xestión integral do ciclo da auga sexa a través dunha empresa pública coa xestión mancomunada do servizo, con participación de todos os concellos implicados.

Pola outra banda, Carril reivindicou a rexeneración da zona de Bens, unha cuestión chea de potencialidades malia a súa contaminación. “Trátase de recuperar o banco marisqueiro e pesqueiro da zona da contorna do emisario de Bens, que está totalmente degradada e que conta cunha grande riqueza mariña”, salientou. Carril lembrou que esta é unha reclamación da baixura, dos e das mariscadoras e percebeiras e da Confraría de Pescadores. “O seu saneamento suporía, como no caso da ría do Burgo, a creación de moitos postos de traballo, ten en conta que o 25% do percebe da Confraría da Coruña está na zona de Bens e non pode ser explotado”, advertiu. “O Concello debería solicitarlle ás Administracións, Xunta de Galiza, e Goberno central, implicadas un plan de recuperación desta zona”, concluíu.

Carril aposta pola comarcalización da auga e da depuración e pola rexeneración da zona de Bens