Carril aconsellalles aos desempregados da Coruña que contacten con Diego Calvo e Julio Flores

Carril aconsellalles aos desempregados da Coruña que contacten con Diego Calvo e Julio Flores

A Coruña, 6 de febreiro de 2014.- Logo das declaracións efectuadas por cargos públicos e responsábeis políticos en relación coa colocación de persoas na trama Pokemon, Carril aconsellalles ás 109.813 persoas desempregas da provincia e ás 23.736 da Coruña que desistan de acudir aos servizos públicos e privados de colocación e que se poñan inmediatamente en contacto con Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña, e con Julio Flores, tenente de alcalde da Coruña, que xustifican estas supostas colocacións, achegando os seus curriculums, para que lles procuren emprego.

O grave non está só en que fixeran uso dos seus cargos con fins espurios, senón tamén que pretendan agora xustificar e convencer que as súas actuacións eran normais e necesarias

O portavoz nacionalista considera grave que tales cargos públicos e responsábeis políticos non só teñan utilizado a súa posición de servizo público con fins espurios, senón que comecen unha campaña intensa para xustificaren e convenceren á cidadanía de que a súa actuación no uso do cargo público era necesaria e normal.

A este paso, Fátima Báñez, ministra do PP de Traballo e Seguridade Social, debería pensar seriamente en concederlles a medalla ao mérito no traballo polos servizos de colocación tan efectivamente prestados

Visto o descaro desta campaña de xustificación e convencemento, Carril, moi irónico, recomendalle á ministra de Traballo e Seguridade Social, Fátima Báñez, que pense seriamente en concederlles a tales cargos e responsábeis políticos a medalla ao mérito no traballo, que é unha “condecoración civil que se concede en mérito dunha conduta socialmente útil e exemplar no desenvolvemento dos deberes que impón o exercicio de calquera traballo, profesión ou servizo” (Real decreto 711/1982, de 1 de marzo). Esta condecoración tamén se concede “en recoñecemento, compensación de danos e sufrimentos padecidos no leal cumprimento dese deber profesional”, razón pola que, sinala o portavoz nacionalista, tampouco sería descabellado esta concesión a tales cargos e responsábeis políticos que se están a laiar do maltrato que están a recibir pola súa actuación.

Carril aconsellalles aos desempregados da Coruña que contacten con Diego Calvo e Julio Flores