A campaña do concurso de bicos do Goberno do Sr. Negreira cústalle á cidadanía 20.400€

A campaña do concurso de bicos do Goberno do Sr. Negreira cústalle á cidadanía 20.400€

A Coruña, 12 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG revela que a campaña do concurso de bicos, desenvolvida pola Concellaría de Emprego e Turismo o pasado mes, custaralle á cidadanía un total de 20.400,60 euros, tal e como reflicte o decreto ao que tiveron acceso as nacionalistas.

A concelleira nacionalista Avia Veira lembra que a propia concelleira do PP xustificou nunha entrevista a un medio de comunicación dicindo que "la campaña de los besos puede parecer frívola, pero es una herramienta más" e que asociacións de comerciantes como a da rúa Barcelona ou a dos Mallos sinalaron, publicamente, que a campaña de bicos non logrou reactivar o consumo. Veira considera "obsceno" que o Goberno municipal gaste 20.400,60 euros de toda a cidadanía nun concurso de bicos que, como era de esperar, non provocou a entrada de cartos no pequeno e mediano comercio.

Avia Veira sinala que "os 20.400 euros gastados na campaña dos bicos non poden atenuar as políticas antisociais e de recortes aplicadas polo Partido Popular, unhas medidas que diminúen o consumo". Refírese Veira á supresión da paga extra aos e ás traballadoras públicas, ao incremento do IVE ou liberalización dos horarios comerciais, unha medida aplaudida pola Sra. Cid.

Só a Concellaría de Emprego e Turismo gastou máis de 250.000 euros no Nadal

A concelleira nacionalista esíxelle un cambio de rumbo ao Goberno municipal, dadas as custosas campañas que van absorbendo, aos poucos, os cartos públicos. Veira, que ve a Concellaría de Emprego e Turismo, "desnortada", sinala que ao gasto dos 20.400,60 euros da campaña dos bicos hai que sumarlle os gastos desta Concellaría no Nadal, que superan os 250.000 euros.

Lembra a nacionalista gastos como os 18.755 dun Papá Noel que percorreu algúns barrios da cidade, os 7.198,29 euros da campaña "Dibuja la Navidad", os 5.742,66 euros da confección e deseño de pezas gráficas e reparto de folletos da campaña do Nadal, os 2.303,84 euros da confección de "flyers" para a campaña de Nadal, os 17.303 euros da montaxe, desmontaxe e uso da carpa da pista de xeo instalada en María Pita ou os 145.000 euros da polémica Laponia coruñesa.

O Grupo Municipal do BNG esíxelle ao Goberno do Sr. Negreira, que gastou máis de 2,5 millóns de euros entre o Nadal e as festas de verán, que se centre no fomento do emprego e en reforzar os servizos sociais públicos, principais prioridades das nacionalistas.

A campaña do concurso de bicos do Goberno do Sr. Negreira cústalle á cidadanía 20.400€