O cambio procesual do Concello no Conde de Fenosa foi a instancias do BNG

O cambio procesual do Concello no Conde de Fenosa foi a instancias do BNG

A Coruña, 2 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lembra que, desde sempre, insistiu en que a única posibilidade de evitar o derribo do edificio Conde de Fenosa era co argumento legal da inexecución da sentenza por imposibilidade material. De feito, desde xuño de 2011 até xuño de 2012 (cando o Goberno, a instancias do BNG, formulou a imposibilidade material), as nacionalistas sempre manifestaron as súas consideracións xurídicas sobre o procedemento de legalización e correlativo de inexecución da sentenza. E fixérono desde a vontade firme de contribuír a darlle solución a unha situación derivada da política urbanística practicada polo Goberno do Sr. Paco Vázquez naquel entón.

Abonda lembrar que xa en nota de prensa de 15 de xuño de 2011 (que achegamos xunto a esta nota), o portavoz do BNG, Xosé Manuel Carril, sinalaba, literalmente, o seguinte: “O BNG entende que existen outros argumentos legais, como a inexecución por imposibilidade material, acreditando mediante os informes técnicos municipais oportunos e solicitando no incidente a práctica de proba ao respecto, que existe a imposibilidade material de repoñer o edificio ao seu estado primitivo, anterior á licenza anulada, e xustificar que a opción alternativa de demolición total vulnera o principio de proporcionalidade. Carril sinala que a inexecución por imposibilidade material é un argumento legal aínda non empregado ao día de hoxe e sobre o que aínda non se ten pronunciado o TSXG, polo cal o BNG considera máis axustado a dereito instar a inexecución por tal vía, e non insistir no xa desestimado con anterioridade, e en varias ocasións, tanto polo TSXG como polo Supremo”.

Así, o Grupo Municipal do BNG insistía en que a estratexia procesual tiña que ser outra, precisamente, alegando a imposibilidade material para a inexecución da sentenza. O propio Goberno municipal mesmo estimou algunha das propostas do BNG, achegadas en distintos escritos dirixidos á Alcaldía, como foi o caso da formulación do incidente por imposibilidade material. Sorprendentemente, e tal e como advertira o BNG, este incidente por imposibilidade material non fora alegado en ningún momento pola promotora, polo Concello da Coruña nin tampouco pola comunidade de propietarios.

O Grupo Municipal do BNG manifestara, reiteradamente, que a demolición obrigaría a devolver o edificio á súa situación orixinal, por iso insistía na inexecución por imposibilidade material, en aplicación do principio xurisprudencial de non optar polo derribo total cando este conleva unha carga de todo punto desproporcionada, tanto en comparación co beneficio inherente ao dereito que a sentenza tutela, como en comparación entre o ilegalmente construído e o que deste, coas demolicións que, no seu caso, sexan precisas, se axuste á legalidade do planeamento vixente.

O cambio procesual do Concello no Conde de Fenosa foi a instancias do BNG