Bravo: "Suprimiremos o copago na axuda a domicilio e garantiremos a inmediatez nas axudas"

Bravo: "Suprimiremos o copago na axuda a domicilio e garantiremos a inmediatez nas axudas"

A Coruña, 4MX BRAVO de maio de 2015.- A número 2 da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, María Xosé Bravo, presentou esta mañá en rolda de prensa as actuacións que acometerá a formación nacionalista en materia de servizos sociais, entre as que destacan a inmediatez na resposta para axudas de emerxencia e a supresión do copago en axuda a domicilio. Bravo salientou que o programa electoral do BNG-Asembleas Abertas recolle máis de 70 actuacións para reverter a situación “desastrosa” que padecen os servizos sociais. “Desastrosa” foi a palabra coa que o Colexio Oficial de Traballo Social de Galiza cualificou o ano 2014, explicou Bravo, quen salientou que este Colexio alerta do risco de entrarmos “nunha situación de deterioramente dificilmente reversíbel”.

Neste contexto, a candidata do BNG-Asembleas Abertas comprometeuse a garantir a inmediatez na resposta para as persoas que solicitan unha axuda de emerxencia social, cuxa partida orzamentaria será ampliada. Para iso, o BNG-AA porá en marcha unha oficina de información social –presencial, telefónica e telemática- de atención inmediata. “Unha axuda de emerxencia ten que resolverse nun máximo de 72h”, sinalou. Entre as medidas recollidas no programa, Bravo tamén salientou o plan de choque contra a pobreza dirixido nun primeiro momento ás familias con menores.

En materia de dependencia, a candidata número 2 do BNG-Asembleas Abertas puxo de manifesto que outra das actuacións principais que acometerá o BNG-Asembleas Abertas en servizos sociais será a supresión do copago na axuda a domicilio, unha das accións máis polémicas do Partido Popular á fronte do Concello. “Non é de recibo que as familias máis vulnerábeis paguen dúas veces este servizo fundamental que levou o Concello a ingresar medio millón de euros”, salientou Bravo. Tamén en dependencia se comprometeu a reducir nun 50% os prazos efectivos de valoración das situacións de dependencia por parte dos servizos sociais municipais. Galiza, expuxo, atópase na cola en canto á axilidade da valoración das situacións de dependencia.

A revisión das privatizacións e xestión pública de servizos municipais é outra das actuacións recollidas polo BNG-Asembleas Abertas. Neste punto, María Xosé Bravo subliñou que cómpre estudar a reversión da privatización do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), pois na actualidade prestan este servizo un total de tres empresas por un montante que supera os 5 millóns de euros.

Ademais, a número 2 do BNG-Asembleas Abertas apostou por descentralizar os servizos sociais comunitarios que se ofrecen desde os centros cívicos. A centralización dos servizos sociais comunitarios por parte do Goberno do Sr. Negreira foi fortemente respondida por Bravo, dado que se trata dunha medida que conta co rexeitamento dos e das profesionais e que vai en contra do recollido pola lei galega de servizos sociais.

Medidas sociais en materia de emprego

En materia de emprego, propuxo incluír de oficio en todos os pregos de contratación administrativa cláusulas sociais que prioricen as empresas licitadoras que fagan esforzos de responsabilidade legal e social contratando persoas en situación de exclusión social. Na mesma liña, Bravo comprometeuse a elevar do 5% ao 7% a cota de reserva mínima nas oposicións ou noutras probas de acceso para persoas con discapacidade.

Entre as 70 medidas recollidas no programa electoral, a número 2 do BNG-Asembleas Abertas salientou a modificación das bases reguladoras para a concesión de bolsas de comedor para que só sexa beneficiario o alumnado de Educación Infantil e de ensino obrigatorio e para incrementar a renda per cápita máxima para poder solicitar axuda. E é que a día de hoxe, o Goberno do Sr. Negreira provocou que o regulamento das bolsas de comedor beneficie os colexios privados. Ademais, salientou a necesidade de garantir que o alumnado con bolsa de comedor teña, ao rematar, transporte de volta ao seu domicilio.

 

Bravo: "Suprimiremos o copago na axuda a domicilio e garantiremos a inmediatez nas axudas"